Homenaxe ao escritor ourensán Víctor Campio Pereira coa presentación dunha antoloxía poética sobre a súa obra

A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense promoveron a publicación "Quince sonetos de amor e once poemas máis", que se difundiu nos centros educativos de Maside e comarcas limítrofes, e na rede de bibliotecas de Galicia

Representantes das dúas administracións presidiron o acto, no que tamén interviron o homenaxeado e Xesús Alonso Montero, antólogo do libro

Lun, 31/10/2011 - 20:30

O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu esta tarde a presentación da publicación Quince sonetos de amor e once poemas máis, unha antoloxía sobre a obra de Víctor Campio (Maside, 1928) que busca contribuír ao recoñecemento da traxectoria literaria do escritor e á difusión da súa poesía.

O profesor, escritor e académico Xesús Alonso Montero é o antólogo da obra, que foi promovida pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial de Ourense. Representantes das dúas administracións participaron no acto. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, presidiron a presentación da antoloxía, acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polo director xeral do Libro Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez; polo homenaxeado e autor dos poemas, Víctor Campio; e polo antólogo da obra, Xesús Alonso Montero.

Segundo explicou o conselleiro de Educación, a iniciativa de realizar a antoloxía poética sobre Víctor Campio xurdiu, por proposta de Xesús Alonso, o 20 de novembro de 2010, día en que nomearon o escritor fillo predilecto do concello de Maside. “Este reto –dixo– foi recollido pola Xunta e pola Deputación de Ourense para contribuír, mediante unha publicación singular, ao recoñecemento e á difusión da obra poética de Víctor Campio”.

Unha voz indiscutible da lírica galega

Respecto do libro, Xesús Vázquez asegurou que, “o maxisterio do antólogo consegue achegarnos, a través dunha selección de poemas, as claves estéticas da obra de Víctor Campio”. “É por isto –engadiu– que no diálogo con esta selección de versos recoñecemos con nitidez a pluralidade formal e temática dunha das voces indiscutibles da lírica galega”. 

Pola súa parte, Francisco López definiu a Víctor Campio como “un extraordinario poeta, que xa ten un lugar na lírica contemporánea exclusivamente coa forza da súa obra”.  Tamén destacou a súa satisfacción como ourensán por participar na presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, “unha compilación entendida como unha forma de regreso que lle devolve á súa pequena patria o que xurdiu dela”.

O director xeral asegurou que “todos os galegos podemos sentirnos moi orgullosos de ter en Víctor Campio un creador con camiño propio na lírica do noso mundo contemporáneo”. Rematou o seu discurso, agradecendo o traballo do poeta e do profesor Alonso  Montero e destacando que “este pequeno volume contén un chanzo máis a favor do que a nosa cultura literaria precisa”.

As vinte e seis composicións que se inclúen na antoloxía foron seleccionadas por Xesús Alonso Montero de entre os noventa poemas que conforman o poemario O aire, a luz e o canto. Todas elas están organizadas en oito breves capítulos cuxos títulos indican os correspondentes universos temáticos, cun predominio do ton elexíaco.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, promoveron a edición da obra, que foi distribuída nos centros de ensino de Maside e comarcas limítrofespor seren os seus alumnos e alumnas os principais destinatarios do volume. A obra tamén está dispoñible narede de bibliotecasde Galicia.

A traxectoria de Víctor Campio

Víctor Campio Pereira González nace na aldea de Garabás, concello de Maside, o 15 de xullo de 1928. Estudou no Seminario de Ourense e, posteriormente, fíxose mestre. Anos despois, estudou a especialidade de Filoloxía Hispánica na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. Foi profesor de Lingua e Literatura españolas durante anos no Instituto das Lagoas de Ourense.

“Aínda que Víctor Campio xa figura con letras de ouro no libro de honra da literatura galega pola súa condición de poeta, de alto e nobre poeta”, como asegura Alonso Montero, tamén é autor con outras facetas: articulista nos medios impresos, narrador e adaptador de obras teatrais. Boa parte da súa recoñecida obra poética viu a luz en revistas, volumes colectivos e en opúsculos de pouca difusión, situación que se mantivo no tempo ata que, en agosto de 2008, saíu do prelo O aire, a luz e o canto, poemario no que se reúne, baixo o selo editorial do Centro PEN de Galicia, o froito do seu labor poético entre os anos 1987 e 2006.