A Xunta impulsará esta lexislatura medio millar de actuacións en colexios e institutos seguindo as melloras poscovid establecidas no Plan de nova arquitectura pedagóxica

Román Rodríguez subliña que a pandemia serviu para extraer aprendizaxes que se aplicarán a todas as intervencións que leve a cabo o seu departamento

Destaca que Galicia “é pioneira á hora de apostar por un modelo que nos sirva para avanzar cara unha arquitectura educativa ao servizo do labor docente, traendo tamén a un primeiro plano o confort do alumnado e persoal dos centros”

O Plan, dotado con 191M€, suporá actuar en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos

A nova arquitectura escolar terá unha orientación estritamente educativa, con espazos máis amplos e polivalentes, más saudables, ambientalmente sostibles e cun reforzo da dotación tecnolóxica para afrontar o futuro dixital

A día de hoxe xa están en licitación un total de 45 obras por un importe que supera os 16,7 millóns de euros

Lun, 24/05/2021 - 14:03
acceso exterior
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presenta a folla de ruta de calidade en centros escolares para o período 2021-2024
porche exterior
comedor
aseo
aula

O Goberno galego levará a cabo arredor de medio millar de actuacións en colexios e institutos públicos de toda Galicia nos vindeiros tres anos, seguindo as adaptacións poscovid no eido educativo establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que hoxe presentou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Segundo explicou o conselleiro, este documento configúrase como a folla de ruta de todas as intervencións que se vaian a facer a partir de agora nos centros educativos galegos e que, segundo subliñou, “recolle todas as ensinanzas que nos deixou esta crise sanitaria, para apostarmos por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado”.

Un plan que, en palabras de Román Rodríguez, “situará a Galicia, unha vez máis, como pioneira á hora de apostar por un modelo que, botando man das ensinanzas desta pandemia, nos sirva para avanzar cara unha arquitectura educativa ao servizo do labor docente, traendo tamén a un primeiro plano o confort do alumnado e persoal dos centros”. Este Plan “é máis que un mero plan de obras, senón que é representa un cambio de paradigma para o futuro educativo de Galicia”, abondou.

Froito do diálogo e o consenso

Román Rodríguez tamén puxo en valor que o documento final que agora se presenta é o resultado “do diálogo e do consenso tras as reunións mantidas cos principais expertos e axentes implicados como o Colexio de Arquitectos, a Fegamp, o Comité Educativo, os directores dos centros, as anpas ou os decanos das Facultades de ciencias da Educación”.

Así pois, ao abeiro deste Plan -que está dotado con 191€- está previsto actuar en catro de cada dez dos arredor de 1.100 centros escolares de titularidade pública que conforman o sistema educativo galego. De feito, a día de hoxe xa están en licitación un total de 45 obras por un importe que supera os 16,7 millóns de euros.

As actuacións contempladas inclúen tanto centros de nova construción como ampliacións, rehabilitacións integrais, obras en fachadas e cubertas e intervención varias. Por exemplo, está previsto realizar arredor de 90 intervencións en patios, 120 en pistas multideporte ou 150 actuacións para a dotación de espazos maker nos centros.

Do orzamento total, o montante máis destacado, case 77,5M€ (o 40,5%) destínase a sostibilidade e eficiencia enexética, mentres que 54,4M€ (o 28,4%) absorberanos as obras de nova construción, 45,4M€ (o 23,7) adícanse a ampliacións e melloras e os 14M€ restantes (7,3%) a espazos de socialización.

As futuras intervencións nos centros educativos xirarán arredor de seis eixos de actuación que son o encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior dos centros, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética.

Espazos para a transformación dixital

Na parte estritamente académica, o Plan establece unha clara aposta por espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital, que sexan xeradores de igualdade e de inclusión.

Así pois, atendendo á Estratexia de Ensino Dixital, Edudixital 2030, todos os centros educativos públicos vanse ir dotando, de xeito paulatino, de polos creativos ou espazos maker. Estes espazos son claves para traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial. Por iso, estarán dotados cos materiais necesarios (domótica, material de creación e procesado audiovisual, impresión 3D, mecanizado, electromecánica...)

Así mesmo, outro dos puntos salientables do Plan é a aposta pola inclusión e a igualdade desde unha perspectiva de xénero en todos os espazos educativos nos centros. Recóllense así directrices específicas para eliminar todo tipo de barreiras físicas (de accesibilidade, distribución e espazos nos aseos,...) e pedagóxicas.

Adaptación á contorna

No que atinxe á parte infraestrutural propiamente dita, o Plan fai fincapé na necesidade de que os centros estean adaptados á contorna na que se inxiren, de xeito que a comunidade local os perciba como algo propio e ben integrado.

Ademais inclúese a creación de espazos de socialización como os patios cubertos e as pistas multideporte, cunha aposta por instalacións modulables e adaptables para distintas circunstancias. Nesta liña, a Consellería ten previsto abrir nos vindeiros días un concurso público para escoller un deseño uniforme destas pistas multideporte e patios cubertos.

Respecto aos espazos interiores, tamén se busca a creación de zonas máis saudables mediante aulas versátiles e flexibles onde se garanta unha boa ventilación, luminosidade e acústica.

Eficiencia enerxética

Atendendo ás directrices de centros medioambientalmente sostibles, todas as rehabilitacións que se executen estarán orientadas a reducir a demanda enerxética de calefacción e reducir os consumos.

Así mesmo, promoverase a instalación de centrais de biomasa co fin de subministrar de forma centralizada auga quente para calefacción, ao tempo que se mellora a xestión e limpeza dos montes galegos co emprego da biomasa forestal. Isto suporá un aforro enerxético medio do 25%, un aforro de custes económcios do 34% e un aforro nas emisións de CO2 á atmosfera que pode acadar o 56%.