A Xunta crea un grupo de traballo no seo do comité educativo para desenvolver o Plan Recupera de apoio escolar

O conselleiro Román Rodríguez explica que este equipo definirá as estratexias de reforzo académico a poñer en marcha co obxecto de minimizar o impacto da pandemia nos estándares de calidade e equidade do sistema educativo galego

Solicita ao Goberno central a convocatoria do Consello Interterritorial de Saúde e da Conferencia Sectorial de Educación para comezar a planificar o vindeiro curso

Ven, 30/04/2021 - 12:59

A Xunta de Galicia vén de crear un grupo de traballo no seo do Comité Educativo que se encargará do desenvolvemento do Plan Recupera, a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para apoiar ao alumnado que máis o precise e que ninguén quede atrás desde o punto de vista académico.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez −que hoxe presidiu a reunión deste órgano asesor− lembrou que o Plan Recupera é “un dos proxectos estratéxicos” do seu departamento, que está enfocado a “reforzar as competencias daqueles alumnos que viran afectado o avance do seu proceso formativo a causa da pandemia”.

Agora será un equipo multidisciplinar dentro do Comité Educativo o encargado, en colaboración cos técnicos da Consellería, de definir as accións e planificar as estratexias para a posta en marcha dos reforzos necesarios para o alumnado e, deste xeito, “manter os estándares de calidade e de equidade que caracterizan o sistema educativo galego”, subliñou Román Rodríguez.

Certezas na planificación do vindeiro curso

O conselleiro tamén deu conta ante o Comité Educativo, de sendas misivas enviadas ás ministras de Sanidade e de Educación para abordar “canto antes” a planificación do vindeiro curso.

Neste senso, solicítalle ao Goberno central a convocatoria do Consello Interterritorial de Saúde e da Conferencia Nacional de Educación para definir, de maneira conxunta e dialogada coas comunidades autónomas, aspectos fundamentais de cara ao curso 21-22. Refírese a asuntos como os protocolos sanitarios ou a dotación de fondos para garantir o cumprimento das medidas adoptadas.

“Cremos que é totalmente necesario coñecer con certeza o marco de actuacións que teremos que afrontar as comunidades”, expresou o conselleiro, quen reiterou “a colaboración leal” de Galicia co Executivo central á hora de abordar este asunto.

Finalmente, no Comité Educativo tamén se abordaron outras cuestións como o desenvolvemento −tanto desde o punto de vista organizativo como de seguridade− do proceso de Oferta Pública de Emprego (OPE) e da realización das probas da ABAU, que están previstas para os días 8, 9 e 10 de xuño en convocatoria ordinaria e o 13,14 e 15 de xullo en convocatoria extraordinaria.