Rianxo acolle unha exposición sobre Castelao que conmemora os 125 anos do nacemento do escritor

A mostra permanecerá desde hoxe ata o 6 de novembro no CEIP que leva o nome do escritor

A exposición enmárcase nunha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos están a difundir entre o alumnado a vida e a obra de recoñecidos escritores galegos

Lun, 24/10/2011 - 14:05

A vila natal de Castelao acolle estes días unha exposición que conmemora os 125 anos do nacemento do escritor. Trátase da exposición Castelao, que permanecerá no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Rianxo desde hoxe ata o próximo 6 de novembro para achegarlles aos alumnos e ás alumnas do centro educativo a vida e a obra do intelectual coincidindo cunha data tan significativa.

Comisariado por Xosé Ramón Fandiño co asesoramento do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, o proxecto expositivo Castelao repasa a biografía e os acontecementos da polifacética personalidade do escritor e galeguista a través de sete paneis de desenvolvemento teórico, que son complementados con sistemas interactivos e música ambiental galega.

Difundir a vida e a obra de recoñecidos escritores

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos promoven esta exposición no marco dunha iniciativa máis ampla coa que os dous departamentos da Xunta de Galicia pretenden difundir entre os estudantes a traxectoria vital e profesional de recoñecidos autores galegos. Con este obxectivo, promoveron, ademais da de Castelao, unha mostra sobre Lois Pereiro, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e sobre Xosé Neira Vilas, con motivo dos cincuenta anos da publicación da súa obra Memorias dun neno labrego.

O percorrido das exposicións

As tres exposicións percorrerán, desde este mes ata finais de ano, diversos centros educativos. A primeira das mostras en iniciar o seu traxecto polos centros foi Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, que está desde o pasado día 17 no IES A Guía de Vigo, onde permanecerá ata o 6 de novembro. Antes de chegar ao seu próximo centro de destino, o CEIP Xesús Golmar de Lalín –onde estará do 5 ao 25 de decembro–, Querido Balbino realizará unha parada no Auditorio Municipal de Celanova desde o 14 de novembro ata o 4 de decembro.

A exposición sobre Lois Pereiro estará do 31 de outubro ao 13 de novembro no IES Alfoz-Valadouro, de Alfoz; do 14 ao 27 de novembro visitará o IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño; e rematará o seu percorrido polos centros en Carral, no CPI Vicente Otero Valcárcel, do 28 de novembro ata o 11 de decembro. En canto á exposición Castelao,  despois do seu paso polo CEIP de Rianxo, viaxará ata o IES Ortigueira, de Ortigueira, do 14 ao 27 de novembro, e rematará o seu  percorrido no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, do 12 ao 25 de decembro.

Menús News node R