O Consello Galego de Universidades informou favorablemente a proposta para os novos criterios estruturais do plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2011/2015

Deste xeito cúmprese co estipulado no propio Plan de Financiamento asinado polas tres universidades

O Plan queda composto pola esta addenda, o decálogo de racionalización do gasto e os contratos-programas asinados entre a Consellería e as tres universidades

Ven, 21/10/2011 - 18:57

O Consello Galego de Universidades (CGU) celebrado hoxe informou favorablemente a proposta da Consellería de Educación da addenda, cos novos criterios estruturais de reparto, ao plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015. Deste xeito, e xunto aos contratos- programas asinados entre a Consellería e as universidades galegas e o decálogo de dez medidas de racionalización do gasto e de mellora na eficiencia na xestión, culmínase o desenvolvemento normativo do Plan de Financiamento.

Cómpre sinalar que para a elaboración de dita addenda mantivéronse numerosas reunións entre os representantes da Consellería de Educación e de Facenda, así como das universidades do SUG. E, tal e como sinalou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, “desde que comezou a elaboración do novo Plan de Financiamento todos os implicados estiveron de acordo na necesidade de facer un cambio de modelo, de xeito que se realizou un plan moderno e dinámico con capacidade de adaptación”.

Novos criterios de reparto

Así os cinco novos criterios a ter en conta no reparto da parte da Subvención Fixa e os indicadores asociados a eles foron fixados no encontro realizado en xuño de 2011, cumprindo cos prazos fixados no propio Plan. Ditos criterios son os seguintes:

1. Campus de Excelencia Internacional:o indicador será a existencia dun proxecto seleccionado polo Ministerio tanto en categoría internacional como Rexional. De acordo coa resolución deste organismo, os créditos repartiranse a partes iguais entre as universidades que teñan a consideración de universidade coordinadora dun proxecto aprobado. Ademais, se recibe a cualificación de internacional, esa universidade terá o dobre da contía.

2. Captación de recursos externos:o indicador serán os recursos económicos das universidades que non procedan de fondos vinculados ao plan de financiamento 2011/2015. Cada universidade deberá certificar ditos ingresos e os fondos vinculados a este criterio repartiranse de xeito directamente proporcional á cantidade obtida por cada universidade en relación ao Persoal Docente Investigador (PDI) doutor de cada unha.

3. Internacionalización:valorarase o output (produción científica) do Informe Anual Scimago World Report obtido por cada unha das universidades, en relación ao PDI doutor de cada unha delas. O crédito relativo a este criterio repartirase de xeito directamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

4. Transferencia de coñecemento:teranse como indicadores os Proxectos Individuais de Investigación e desenvolvemento (PID); do programa de Consorcios Estratéxicos Nacionais de Investigación Técnica (CENIT) en relación co PDI doutor de cada universidade, e o número de spin-off (empresas baseadas en coñecementos creadas nas universidades e impulsadas por membros desa comunidade) en relación co PDI doutor de cada universidade. Tamén entre os criterios de valoración están os ingresos percibidos en concepto de contratos e convenios con empresas e entidades privadas en relación co PDI doutor de cada universidade. As contías repartiranse de xeito directamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

5. Calidade da docencia:será valorada segundo as Transferencias correntes da administración educativa por estudante matriculado de primeiro e segundo ciclo e grao en centros propios de cada universidade, reflectidas no Informe bianual da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), “La universidad española en cifras”. En función disto as contías repartiranse de xeito inversamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

Aplicación dos criterios

Estes novos criterios aplicaranse por vez primeira no orzamento do 2012, e afectarán ao equivalente ao 5% da Subvención Fixa. Esta porcentaxe irá incrementándose un 5% cada ano de vixencia do plan, de xeito que no 2015 repartiranse aplicando os novos criterios un total do 20% dese fondo –de 290 millóns de euros-, mentres o 80% restante seguirá distribuíndose en base aos criterios históricos de reparto que se viñan aplicando no Plan de Financiamento 2005-2010.

Cómpre recordar que a súa aplicación e a evolución ano a ano das porcentaxes afectadas, constitúe un sinal importante de cara a asumir o novo modelo de financiamento polo que o SUG debe apostar para acadar a posición que se merece, tanto a nivel nacional como internacional. Deste xeito foméntase a adopción de medidas entre as institucións universitarias que impulsen a mellora en todas e cada unha das misións que lle son propias.

Compoñentes do Plan

Esta addenda pecha o Plan de Financiamento, composto ademais por un decálogo de medidas para a racionalización do gasto e de contratos programas coas universidades.

No relativo a ditos contratos-programas, que foron asinados durante este ano entre a Consellería de Educación e as universidades do SUG, o obxecto é fixar 20 obxectivos de mellora en 8 áreas de acción, relativas á adaptación das necesidades sociais; a docencia; a investigación; transferencia de tecnoloxía; a proxección internacional; responsabilidade social; xestión; e os campus periféricos.

A finalidade é que os recursos vinculados á subvención por resultados que se asignen ás universidades do SUG se determinen en función da situación de partida e do logro dos obxectivos de mellora acordados de xeito individualizado con cada universidade.

Os obxectivos de mellora serán avaliados anualmente, ao longo do período de vixencia deste contrato programa – anos 2011 e 2012 – e os seus resultados servirán, a partir do ano 2013, para asignar os recursos que correspondan a cada universidade vinculados á subvención por resultados.

Decálogo de racionalización

Asemade o Plan de Financiamento do SUG 2011-2015 inclúe o decálogo de medidas de racionalización do sistema elaborado polo grupo de traballo do Plan de Financiamento Universitario. Estas dez medidas tenden a buscar a eficiencia no uso das recursos dos que dispoñen as universidades a través da colaboración, obtención de sinerxias...

1.    Medidas de racionalización de persoal e alumnado (horizonte 2015)

2.    Racionalización do gasto corrente

3.    Inventario de equipamento científico para uso compartido mediante comisión interuniversitaria (cantidade e utilidade)

4.    Desconcentración de departamentos (tendencia á fusión de departamentos en campus centrais establecendo un tamaño mínimo por departamento -redución complementos e cargos-; e, ao mesmo tempo, creación de departamentos en campus periféricos –aforros en tempo, dietas, quilometraxe, mellora na xestión)

5.    Concentrar os asuntos de xestión compartida dentro do SUG nun único ente

6.    Financiamento dos centros mediante contratos-programa

7.    Aumento ingresos propios (overheads, títulos propios, formación continua)

8.    Implantación da administración electrónica

9.    Redución custos comunicación (nivel local e nacional) mediante emprego das novas tecnoloxías

10. Bibliotecas (potenciación dos formatos dixitais, visión sistémica adquisición libros, condicións adquisición e explotación bases de datos)

Os asistentes

Na reunión, celebrada en San Caetano, Santiago de Compostela, estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Salustiano Mato; da Coruña, e de Santiago, José María Barja e Juan Casares Long, respectivamente.

Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López Pereira, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; os presidentes dos consellos sociais das universidades, Manuel Puga Pereira (USC),  Antonio Abril Abadín (UDC), e Ernesto Pedrosa Silva (UVIGO); e tres representantes designados polo Parlamento, Manuel Ladra, Maite Cancelo e Carlos Pajares.