A Xunta convoca 80 prazas de estadías formativas en empresa dirixidas a profesorado de FP

O obxectivo é mellorar a formación docente mediante o contacto co sector empresarial, o que permite coñecer directamente os procesos produtivos e os avances tecnolóxicos

Sáb, 17/04/2021 - 11:35

A Xunta de Galicia convoca as estadías formativas en empresas ou institucións para o presente ano 2021 destinadas aos docentes non universitarios, coa finalidade de mellorar a formación e a actualización de coñecementos por parte do profesorado a través do contacto directo cos procesos produtivos e cos avances tecnolóxicos.

Ao abeiro desta iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade financia con preto de 150.000€, ofértanse un total de 80 prazas dirixidas ao profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, así como ás das artes plásticas e o deseño. Todos eles poderán facer as súas prácticas en empresas e institucións de Galicia como do resto de España, xa que este ano, debido ás restricións de mobilidade por mor da pandemia, non se inclúen estadías noutros países da Unión Europea.

Así, o profesorado galego de ciclos formativos ten a oportunidade de mellorar as súas competencias docentes a través do contacto directo co propio sector empresarial, o que lle permite coñecer de primeira man os procesos produtivos que se desenvolven nas empresas así como os avances tecnolóxicos que incorporan e as inquietudes de investigación e innovación. Deste xeito os docentes adquiren uns coñecementos máis exhaustivos da realidade empresarial que logo poden incorporar ás aulas.

Ata 160 horas

A oferta deste ano estrutúrase en dúas modalidade principais. A modalidade A conta con 15 prazas, para o profesorado que desexe formarse en empresas ou institucións que se relacionan na propia convocatoria. No caso da liña B, con 65 prazas, as estadías realizaranse en empresas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, propostas pola persoa interesada. Con carácter xeral, poderanse realizar os períodos formativos en empresas ou institucións desde o 3 de maio ata o 10 de setembro de 2021. A duración de cada estadía será como mínimo de 8 horas e como máximo de 160 horas.

A contía máxima que poida percibir o profesorado que realice unha estadía formativa en Galicia pero fóra do termo municipal da súa residencia habitual ou do seu centro de destino será de ata 1.300€, mentres que para estadías fóra de Galicia acadará os 2.000€ como máximo. O prazo para realizar a preinscrición comezou o pasado día 5 de abril e remata mañá. A información da convocatoria pode consultarse no Portal Educativo.