A Consellería de Educación rexeita as medidas de presión empregadas pola Asociación de Empresarios do Transporte en Autobús de Lugo en contra dos intereses dos usuarios

Educación recorda que está a actuar coa máxima responsabilidade diante de servizos de transporte que resultan insostibles economicamente

Neste ano a Xunta destina máis de 117 millóns de euros ao transporte escolar

Xov, 20/10/2011 - 12:55

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria rexeita os mecanismos de presión empregados pola Asociación Provincial de Empresario do Transporte de Viaxeiros en Autobús de Lugo, que unicamente causan molestias aos usuarios e que non teñen base na que soster as súas demandas, especialmente na actual situación de grave crise económica. A Consellería recorda que o servizo de transporte escolar é preciso para garantir en toda Galicia as necesidades de escolarización dos alumnos, ao mesmo tempo que garante o emprego dun importante colectivo de traballadores e empresas do sector.

A medida de presión en forma de folga adoptada hoxe por esta asociación ten como único obxectivo blindar os beneficios empresariais en situación de duplicidades de liñas e non ten en conta os intereses reais da comunidade educativa.

O orzamento do transporte

Cómpre sinalar que os recursos que destina a Xunta ao transporte escolar acadaron este ano 2011 mais de 117 millóns de euros, e no próximo ano 2012 representarán case o 1 % do orzamento total da Xunta de Galicia.

Nos tempos de crise que están a correr a responsabilidade da Consellería esixe cada día máis a adopción de medidas de optimización dos recursos que a sociedade pon a disposición das administracións. Polo tanto, estanse a adoptar medidas de reestruturación e racionalización das liñas de transporte escolar, que nos casos nos que resultan non sostibles, impoñen a obriga de substitución, modificación ou mesmo de supresión dalgunhas das rutas existentes.

Así, nas zonas nas que se produce unha maior perda de poboación infantil existen liñas de transportan a moi poucos usuarios e que poden ser substituídas mediante outras medidas, tales como modificación doutras liñas ou a substitución por vehículos de menor capacidade, sen perda de garantía do servizo aos alumnos.

Medidas de modernización

Deste xeito ao inicio desta lexislatura aprobouse a Lei 5/2009 de Medidas Urxentes para a modernización do sector de transporte público por estrada de Galicia, que ademais de ordenar e favorecer un transporte eficaz e eficiente, garante ás empresas transportistas un marco de estabilidade económica, mediante unha prórroga dos contratos de transporte escolar ata o 31 de decembro de 2011.

A Consellería vén colaborando coas asociacións de empresas do sector de transporte na adopción de distintas medidas que se acadaron nun documento asinado a finais do ano 2010. A mesmo tempo quere deixar constancia do agradecemento a maioría das empresas no entendemento destas medidas de optimización que pretende garantir a prestación do servizo e a permanencia futura do sector do transporte.

Rexeitada unha entrevista co Secretario Xeral Técnico

Con respecto ás motivacións esgrimidas pola Asociación de Transportistas de Lugo relativas á demanda dunha reunión co conselleiro de Educación, constitúe un falso pretexto, posto que hai que sinalar que se solicitou a entrevista o 4 de agosto e cando se comunicou a posibilidade de realizala co secretario xeral técnico de Educación, no mes de setembro, foi rexeitada polo presidente da asociación, que insistiu na súa demanda dunha entrevista directa co conselleiro. 

A Consellería resalta a boa comunicación e colaboración coas restantes asociacións e empresarios do sector que se vén mantendo fluída desde o inicio e ao longo da lexislatura, así como a vontade de continuar coas medidas de racionalización do transporte escolar precisas para manter a calidade do servizo e para garantir a continuidade tanto das empresas como dos empregos neste sector, nun exercicio de responsabilidade en tempos de escasos recursos.