A Xunta súmase á campaña do Día Mundial do Autismo no marco da elaboración do novo Plan de atención á diversidade

Román Rodríguez destaca a importancia da colaboración coas entidades especializadas e de que as familias poidan participar na escolla da modalidade de escolarización dos seus fillos
Destaca o labor dos profesionais e comprométese a seguir traballando para avanzar na construción da escola inclusiva
Mar, 30/03/2021 - 18:57

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación da campaña Podo aprender. Podo traballar, impulsada pola Federación Autismo Galicia co gallo da celebración do Día Mundial do Autismo. Un lema que, tal e como explicou, entronca á perfección cos obxectivos do novo Plan de Inclusión e Atención á Diversidade, que a Xunta de Galicia está a preparar en colaboración coas entidades e asociacións especializadas na atención á diversidade, entre elas a propia Federación Autismo Galicia.

“O novo Plan de Inclusión e Atención á Diversidade parte da premisa de cambiar a expresión o alumno non é capaz de pola expresión o alumno é capaz de”, explicou Román Rodríguez, salientando que “as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), e en xeral o alumnado con necesidades especiais de atención educativa, poden acadar importantísimos niveis de desenvolvemento académico e persoal, para o que é
preciso a colaboración de toda a sociedade e o traballo man a man coas entidades especializadas”.

Modelo existoso con tres piares

Neste sentido, o representante destacou que o exitoso modelo de inclusión educativa que se ven construíndo en Galicia está baseado en tres piares. En primeiro lugar, a detección temperá, a través da colaboración coas entidades, dos equipos de orientación e de ferramentas como o Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), co que conta o sistema educativo galego desde 2016. En segundo lugar, puxo en valor que Galicia ten máis do máis do 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios, co apoio de 4.000 profesionais específicos.

Como terceiro piar destacou o labor dos centros específicos de educación especial e incidiu en que a Xunta ten sempre en conta a opinión das familias, “dado que é unha das demandas que precisamente teñen, poder decidir onde estudan os seus fillos”. “Sexa cal sexa a modalidade de escolarización, queremos unha escola na que cada alumno vexa fortalecidos os seus talentos e as súas capacidades”, destacou.

Román Rodríguez agradeceu o labor das entidades especializadas, dos docentes e diferentes profesionais que traballan a diario na atención á diversidade, arredor de 4.000 nos centros ordinarios, e comprometeuse a seguir traballando en colaboración con todas as partes implicadas na construción dunha escolar inclusiva, “para que cada alumno acade no sistema educativo as máximas competencias e capacidades”.

Visibilizar capacidades

A campaña Podo aprender. Podo traballar, impulsada por Autismo España, da que a Federación Autismo Galicia forma parte, ten como obxectivo poñer o foco na educación e o emprego, dous ámbitos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e conseguir a súa participación efectiva na sociedade.

Co obxectivo de concienciar á comunidade educativa, difundíronse entre os centros educativos materiais para traballar na aula, cos que visibilizar que cada persoa é diferente e ten unhas determinadas capacidades, que a sociedade pode e debe fomentar para ser cada vez máis respectuosa coa diversidade.

Impúlsase, ademais, unha campaña en redes sociais para que cada persoa amose nunha foto, vídeo ou gif unha ferramenta ou utensilio relacionado con algunha das súas habilidades ou capacidades, etiquetándoas cos cancelos #DiaMundialAutismo #PuedoAprenderPuedoTrabajar.