Castelao, Xosé Neira Vilas e Lois Pereiro achéganse aos centros educativos a través de tres exposicións

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos promoven esta iniciativa para difundir entre o alumnado a vida e a obra dos tres autores galegos

As exposicións percorrerán diversos centros de ensino desde mañá ata final de ano

Dom, 16/10/2011 - 10:00
Inauguración da exposición sobre Neira Vilas na biblioteca Anxel Casal de Santia
Inauguración da exposición sobre Neira Vilas na biblioteca Anxel Casal de Santiago

Tres destacados autores galegos, como son Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Xosé Neira Vilas e Lois Pereiro, percorrerán diversos centros educativos de Galicia a través de exposicións sobre a súa vida e a súa obra. Farano desde mañá e ata final de ano, grazas a unha iniciativa promovida conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

A primeira das exposicións en chegar aos centros será Querido Balbino (1961-2011). Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego. O IES A Guía de Vigo acollerá desde mañá e ata o 6 de novembro esta mostra, que quere ser unha homenaxe ao libro máis lido e máis traducido da literatura galega, Memorias dun neno labrego, e ao seu autor, Xosé Neira Vilas, cando se cumpre medio século da publicación da obra.

Balbino, entre os escolares

Comisariada por Valentín García Gómez e Luís Reimóndez, a exposición articúlase en dous eixos principais. Dunha banda, os escolares poderán achegarse á traxectoria vital do escritor de Vila de Cruces a partir de fotografías, documentos e correspondencia. Doutra banda, amósase diverso material referido á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista, Balbino. A mostra complétase con 10 obras pictóricas de artistas galegos.

Antes de chegar ao seu próximo centro de destino, o CEIP Xesús Golmar de Lalín –onde estará do 5 ao 25 de decembro–, Querido Balbino realizará unha parada no Auditorio Municipal de Celanova desde o 14 de novembro ata o 4 de decembro.

Interactuando con Lois Pereiro

O escritor homenaxeado polo Día das Letras Galegas en 2011, Lois Pereiro, protagoniza unha exposición interactiva deseñada por Ouvirmos e composta de diversos apartados. En Fotografía, o alumnado poderá coñecer a vida do autor a través do seu álbum fotográfico familiar. Xogando coas palabras convida os escolares a interactuar cos poemas de Lois Pereiro, creando novas palabras e compoñendo os seus versos. Mentres, A música inclúe poemas do escritor musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Nación Reixa e Radio Océano. Finalmente, ademais de presentar a súa produción literaria, a exposición permitire escoitar A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

A exposición sobre Lois Pereiro estará do 31 de outubro ao 13 de novembro no IES Alfoz-Valadouro, de Alfoz; do 14 ao 27 de novembro visitará o IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño; e rematará a súa itinerancia en Carral, no CPI Vicente Otero Valcárcel, do 28 de novembro ata o 11 de decembro.

125 anos do nacemento de Castelao

O pasado día 30 de xaneiro cumpríronse 125 anos do nacemento de Castelao. Co fin de conmemorar esta data, a Xunta promoveu unha exposición que repasa a traxectoria vital e o labor do escritor de Rianxo. Para isto, a mostra, comisariada por Xosé Ramón Fandiño, inclúe sete paneis que incorporan unha parte de desenvolvemento teórico e outra de sistemas interactivos, ademais de música ambiental galega.

A vila natal do escritor será a primeira parada da mostra, onde permanecerá desde o 24 de outubro ata o 6 de novembro no CEIP que leva o seu nome. Posteriormente, a exposición viaxará ata o IES Ortigueira, de Ortigueira, do 14 ao 27 de novembro, e rematará o seu percorrido no IES Leira Pulpeiro de Lugo, do 12 ao 25 de decembro.

Visitas ás bibliotecas nodais nos últimos meses

Antes de iniciar a súa itinerancia polos centros educativos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos levaron as exposicións por todas as bibliotecas nodais de Galicia, para contribuír á difusión da vida e da obra dos tres escritores entre a cidadanía.

Menús News node R

Colectivo