A Xunta elevará a máis de 2 M € o investimento na rehabilitación do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda co inicio da súa segunda fase

Román Rodríguez salienta a actuación como un compromiso cun centro histórico de referencia que sabe adaptarse e incorporar os programas educativos máis novidosos
Na súa visita ás obras rematadas da primeira fase explica que xa está en redacción o proxecto da segunda, cuxo inicio está previsto para o último trimestre do ano
Mar, 16/02/2021 - 13:48
guarda

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai elevar a máis de 2M€ o investimento na rehabilitación integral do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, un dos centros de referencia no ensino en Galicia, que conta con máis de 150 anos de historia. Nunha visita ao centro, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, o conselleiro explicou que o seu departamento está neste momento redactando o proxecto da segunda fase desta rehabilitación, co obxectivo de licitar as obras antes de verán e adxudicalas e inicialas no último trimestre do ano. Para iso, os orzamentos de 2021 contan xa cunha partida de 600.000 euros.

Aínda que se está concretando o programa de necesidades, o conselleiro adiantou que nesta segunda fase está previsto realizar melloras en accesibilidade, solos, carpinterías interiores e evacuación, así como remodelar espazos.

“Este investimento é a mostra do noso compromiso con este instituto, un centro histórico que tamén é un exemplo na súa adaptación ao ensino do século XXI”, dixo Román Rodríguez, lembrando que vén completarse ao xa manifestado coa execución da primeira fase desta rehabilitación.

Esta actuación forma parte, así mesmo, do paquete inversor en infraestruturas de 61,4M€ en total previsto nas contas deste ano, orientadas a favorecer que os centros educativos afonden na excelencia, a modernización e a sustentabilidade.

Mellora de confort e eficiencia na 1ª fase

Cun orzamento de máis de 1,3M€, a primeira fase tivo por obxecto resolver as patoloxías que as instalacións deste instituto foron acumulando a través da súa longa traxectoria en funcionamento, mellorando o confort térmico interior e a eficiencia enerxética do edificio.
Neste sentido, nas fachadas do edificio histórico saneouse e renovouse completamente o revestimento existente sobre os muros de pedra e, nas zonas onde a pedra queda á vista, procedeuse á limpeza e saneamento. No edificio moderno acometeuse unha limpeza e illamento xeral dos paramentos. No referido ás cubertas, repuxéronse as partes danadas das cubertas e dos canlóns e renováronse as baixantes por unhas novas de zinc. A falta de estanqueidade e illamento solucionouse tamén mellorando as carpinterías, ben mediante a súa restauración, ben a través da súa substitución por unhas novas, en función do estado de conservación das fiestras actuais.

Ademais, no interior mudáronse os falsos teitos das aulas de Bacharelato e instaláronse nas de ESO. Así mesmo, pintáronse os paramentos interiores dos edificios, as varandas, radiadores e tubaxes; e renovouse a instalación de iluminación de todo o centro, colocando luminarias LED de menor consumo.

Centro de referencia

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda é un centro de referencia, cunha traxectoria de máis de 150 anos. De feito, o IES forma parte da Rede MUPEGA de Institutos Históricos de Galicia, centros creados nun momento clave na historia da educación polo denominado Plan Pidal, que encamiñou o paso dos estudos do Antigo Réxime cara a un novo sistema educativo.

Estes centros foron dotados no momento da súa creación cunha biblioteca, un gabinete de Historia Natural, laboratorios de Ciencias Naturais, Agricultura, Física, Química, Fisioloxía e Hixiene e cun Xardín Botánico, ademais de contar con materiais especiais para as ensinanzas que requiran dalgunha demostración, tales como as ciencias xeográficas, histórica, debuxo lineal e matemáticas; un Patrimonio Histórico Educativo que aínda hoxe é custodiado no instituto coruñés

O IES participa en numerosos programas educativos. De feito, sumouse á rede de centros plurilingües desde a súa primeira convocatoria, a do curso 2010/11 e conta con seccións bilingües. Está implicado tamén no desenvolvemento dos programas ARCO ou na liña IGUÁLA-T (para o fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes) dos contratos-programa, ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), entre outros.

Así mesmo, este curso 2020/2021 comezou a impartir o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach).