Dous alumnos da FP galega compiten na Olimpíada Mundial da Formación Profesional, ‘World Skills 2011’ en Londres

Mar, 04/10/2011 - 22:38

Dous alumnos galegos , Sergio Suárez Fernándeze Guillermo González Gómez, participan a partir de hoxe na Olimpíada Mundial da Formación Profesional, ‘World Skills 2011’, que se inaugura esta tarde en Londres.

Nesta 43 edición do certame, Galicia estará representada por dous alumnos que obtiveron medalla de ouro nos campionatos nacionais Spainskills 2011,e catro profesores, dos que dous actuarán como titores e outros dous como xurado. O Estado español conta con  participación en 32 das 46 skills ou especialidades nas que participan un total de 950 competidores, procedentes de 51 países.

Desta forma, Sergio Suárez, alumno do ciclo de grao medio Albanelería do CIFP Porta da Auga de Ribadeo, competirá na skill de Solados e alicatados, xunto con mozos de 24 países diferentes.  Pola súa parte, Guillermo González Gómez, alumno do ciclo de grao superior de restauración do CIFP Vilamarín de Vilamarín (Ourense), concursará na skill de Servizo de restaurante e bar, xunto con mozos de 30 países distintos.

Respecto dos profesores, participan como titor de Sergio Suárez o profesor do CIFP A Farixa de Ourense, Francisco Javier Vázquez Seijas; e como titor de Guillermo González o profesor do CIFP Paseo das Pontes - A Coruña-, Diego Mosquera Miramontes. Asimesmo será xurado na skill de Solados e alicatados o profesor do CIFP Porta da Auga José Fernando Méndez de Andés Rodríguez; e na de Coidados de beleza a profesora do IES de Teis (Vigo) Lourdes Mourelle Mosqueira.

Estes alumnos estiveron traballando intensamente o seu inglés durante o mes de agosto no Reino Unido, formación necesaria xa que todas as probas de Worldskills serán neste idioma. No que se refire á parte técnica, desde xuño estanse preparando a competición, nas probas que comprende, cos seus titores e expertos.

As Olimpíadas de FP están promovidas pola organización internacional WorldSkills, que conta con 52 países asociados, co obxectivo de promocionar as competencias profesionais  dos estudantes de FP a nivel mundial.

A cerimonia de inauguración desta olimpíada celebrarase esta tarde, e a competición desenvolverase entre os días 5 e 8 de outubro. A gala de clausura e entrega de medallas realizarase o día 9 de outubro.

Excelentes resultados

Cómpre salientar que os estudantes e docentes galegos teñen rexistrado excelentes resultados nas diferentes competicións nas que se miden as súas competencias nas diferentes skills da Formación Profesional. Así, nas SpainSkills 2011, competiron en 20 das 32 especialidades da olimpíada e foron premiados en 10 delas, con 2 medallas de ouro, 4 de prata, 4 de bronce e 3 mencións de excelencia. Isto supón un grande impulso a FP galega, como desmostra o feito de que Galicia ocupara o segundo posto en número total de medallas por Comunidade Autónoma.

A Consellería respalda este tipo de actuacións, pois supoñen valiosas oportunidades para difundir os logros da FP galega. Deste xeito estimúlase o labor do profesorado e motívase ao alumnado. Os campionatos supoñen tamén un punto de encontro entre empresas e sistema educativo, que redundará en beneficio do conxunto da sociedade galego ao ser integrados novos alumnos no sistema productivo de Galicia.