Trinta e oito estudantes de ensinanzas artísticas superiores benefícianse das axudas da Xunta para o programa Erasmus+

O Goberno galego destina 40.000 euros a esta convocatoria complementaria
Puideron acceder a elas todos os que tiveron dereito ás axudas europeas
Dom, 17/01/2021 - 11:53

Un total de 38 estudantes de ensinanzas artísticas superiores benefícianse das axudas complementarias da Xunta de Galicia ás achegadas pola Unión Europea no marco á mobilidade do Programa comunitario Erasmus+. As bolsas van dirixidas ás alumnas e alumnos que participaron neste programa de mobilidade no curso 2019/2020.

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas, ás que puideron acceder todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas, e para as que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou un orzamento total de 40.000 euros.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados perciben bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe é de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, adxudicouse entre os solicitantes que posuían unha maior media no seu expediente académico e asignóuselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Deste xeito, o importe mínimo da axuda concedida é de 330 euros e o máximo de 1.985 euros. Un total de nove persoas accederon á contía adicional de 500 euros, adxudicándoselle tamén á décima persoa solicitante con maior media unha contía adicional ata esgotar o orzamento (contía neste último caso inferior a 500 euros).