A Xunta concede axudas para a matrícula de Máster oficial de 85 persoas desempregadas

Obtivéronas todos os solicitantes que cumprían os requisitos da convocatoria
O obxectivo é mellorar as perspectivas de incorporación destas persoas ao mercado de traballo
Ven, 01/01/2021 - 12:05

A Xunta publica a través do  Portal Educativo as axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster, a través da que se lle subvenciona a matrícula a 85 persoas no curso académico 2020/2021, todas as que solicitaron a axuda e cumprían os requisitos. O obxectivo é apoiar aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo. A resolución sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

Dos beneficiarios, 50 son mulleres e 35 son homes. Por universidades, 22 realizan o máster na Universidade da Coruña, 16 na de Santiago e 47 na de Vigo.

En función do tipo de máster que curse o beneficiario o importe máximo de axuda é de 835,80 € e o mínimo de 591 €. A contía de cada axuda individual cubre o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Para solicitar a axuda as persoas candidatas debían estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e estar matriculadas no curso académico 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Desde o inicio desta convocatoria, no curso 2013/14, concedéronse 596 destas axudas, por un importe total de 719.895,31€