Román Rodríguez felicita os 396 universitarios recoñecidos cos Premios Excelencia Académica por ser exemplo de esforzo e compromiso co traballo ben feito

O Goberno autonómico publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución destes galardóns, que premian o mellor expediente de cada un dos cursos de grao e que teñen unha dotación económica de 1.000 euros para cada estudante

Seis de cada dez premiados nesta edición son mulleres, 185 galardoados acadaron notas superiores ao 9 e ata sete obtiveron a máxima cualificación, un 10

O conselleiro destacou que estes estudantes son “vectores de calidade das nosas universidades e representan a Galicia do futuro”

Lun, 14/12/2020 - 11:46
p

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, entregaron hoxe un recoñecemento aos dous mellores expedientes do campus compostelán galardoados cos Premios de Excelencia Académica de Grao correspondentes ao curso 2018/19. Trátase de Juan Manuel Lorenzo Naveiro (estudante de Matemáticas) e de María Allegue Criado (de Maxisterio en Educación Primaria), que estivo representada pola decana da Facultade de Educación por non poder asistir.

Durante o acto o conselleiro de Educación agradeceu o esforzo e compromiso do alumnado universitario que, como dixo, son “os mellores vectores de calidade das nosas universidades” e representan “a Galicia do futuro, do esforzo, do compromiso do traballo ben feito e a Galicia da vangarda e excelencia”.

Román Rodríguez recordou o compromiso da Xunta de Galicia coa excelencia a través destes premios, que van pola súa segunda edición e non existen en outras comunidades autónomas, cos que se pretende motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo ao recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. “Para nós, estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun sistema universitario excelente, competitivo e de calidade”, engadiu.

Plan de Excelencia do Sistema Universitario

Os Premios de Excelencia Académica, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, recoñece nesta edición a un total de 396 estudantes de grao universitario oficial no curso 2018/19 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, agás o último, dado que neste caso o galardón se artella a través dos Premios Fin de Carreira. Ao igual que xa ocorrera o ano pasado, nesta segunda edición a meirande parte dos premios (o 64,1%) recaeron en mulleres, polo que estas acaparan máis de seis de cada dez galardóns fronte ao 35,9% dos homes. Ademais obtiveron a máxima cualificación, un 10, ata sete galardoados.

Por universidades, o 39,9% dos premios concedidos foron para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 33,8% para a Universidade de Vigo (UVigo) e o 26,3% para a Universidade da Coruña (UDC).

Cada un dos 396 universitarios beneficiarios, recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Deles, os 185 con notas superiores a 9 recibirán a maiores unha contía complementaria de 500 euros, tal e como estaba previsto na convocatoria deste ano en caso de non esgotar o crédito existente. En total, a Xunta destina un orzamento de 512.000 euros a estes galardóns (un incremento do 16,4% respecto aos 440.000 da anterior edición).

Esta liña de axudas enmárcase, ademais, no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que lles permite dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia. Estes galardóns fóronlle outorgados por primeira vez o ano pasado a un total de 362 estudantes universitarios polas mellores cualificacións obtidas no curso 2017/18.

Requisitos

Cómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concédeselle un premio por cada titulación oficial de grao e programas de simultaneidade de graos ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, esténdese o premio ata o cuarto curso para os graos de cinco anos e ata o quinto curso para os graos de seis anos.