A Xunta e Endesa entregan ordenadores a 18 centros educativos de Ferrol para estudantes en situación de vulnerabilidade

O secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fixeron hoxe o reparto
Os equipos estarán dotados cunha tarxeta de datos, de cuxo coste tamén se ocupa Endesa, co fin de facilitar o acceso á teleformación
Xov, 03/12/2020 - 14:44

O secretario xeral de Educación e FP da Xunta, José Luis Mira, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, entregaron hoxe en Ferrol un total de 91 ordenadores a directores de 18 centros educativos da cidade para estudantes en situación de vulnerabilidade. Este acto, celebrado no edificio administrativo de Ferrol, enmárcase no convenio asinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Endesa, a través do que a compañía está a doar 120 equipos informáticos aos estudantes que máis o precisan.

En concreto os centros beneficiarios son os CEIPs Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, de Ponzos, Manuel Masdías, Plurilingüe San Xoán de Filgueira, Almirante Juan de Lángara y Huarte, de Pazos, de Esteiro e Plurilingüe A Laxe; e os IES de Catabois, Sofía Casanova, Concepción Arenal, Saturnino Montojo, Leixa, Canido, Ferrol Vello, e Ricardo Carvalho Calero.

Trátase dunha acción incluída dentro do Plan de Responsabilidade Pública que Endesa está a aplicar con motivo da pandemia da covid-19 e que, ademais dos equipos informáticos, inclúe tarxetas de conexión a internet co fin de facilitar o acceso á teleformación a alumnos en situación de vulnerabilidade.

Durante o acto o secretario xeral de Educación agradeceu a implicación de Endesa no ensino e o seu especial compromiso, nestes tempos de pandemia, coa igualdade de oportunidades entre todo o alumnado. Un obxectivo que, tal e como explicou, está en liña cos fixados no Plan de Ensino Virtual que impulsa a Xunta de Galicia, unha folla de ruta para blindar os valores do sistema educativo galego, como son a calidade e a equidade.

Pola súa banda, Miguel Temboury, explicou que “ademais de poñer de manifesto a nosa especial relación con Galicia e en particular con Ferrol, este proxecto consigue materializar o propósito que a compañía se fixou o pasado marzo de axudar co seu Plan de Responsabilidade Pública alí onde máis se nos necesite e como máis se nos necesite. Tras a compra de material sanitario e bens de primeira necesidade, requírese agora a reactivación socioeconómica de todo o país e asegurar, como sempre dixemos, que ninguén quede atrás nesta transición que vivimos”.