A Xunta investirá 30.000 € na mellora das fiestras do Conservatorio de música Manuel Quiroga, en Pontevedra

O xefe territorial da Consellería de Educación mantivo hoxe unha reunión co equipo directivo do centro, ao que lle trasladou que as obras se executarán de inmediato

Xov, 26/11/2020 - 15:00

A Xunta investirá 30.000 euros na primeira fase da mellora das fiestras do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, na cidade de Pontevedra. O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, reuniuse hoxe co equipo directivo do centro para informalos das actuacións que a Unidade Técnica valorou realizar, así como para trasladarlles que as obras se iniciarán nos próximos días para as arredor de 30 fiestras que precisan desta intervención dunha forma máis inmediata. A segunda fase ata completar toda a carpintería exterior do centro acometeranse o vindeiro ano.

A actuación consistirá na transformación da parte fixa das fiestras en proxectante, de tal forma que se poidan abrir e mellorar así a ventilación das estancias. A Unidade Técnica, de acordo co equipo directivo do centro educativo, optou por esta solución tras a elaboración dun informe técnico especializado (para realizar o estudo oportuno sobre as características das aulas, o volume do aire, a ocupación, etc), autorizado en coordinación coas directrices da autoridade sanitaria.

As melloras contribuirán a mellorar a ventilación das aulas, ao tempo que se mantén o illamento acústico que é necesario nun centro destas características. Esta actuación súmase á reforma das ventás deste centro acometida en 2016 por importe superior aos 5.200 euros, que se centrou en cambiar algúns panos fixos a oscilobatentes.