Xesús Vázquez Abad loa a FP galega na clausura da XI Feira Internacional de Turismo ‘Termatalia’, en Ourense

A Consellería de Educación promocionou estes estudos e estivo presente cun stand propio

Tamén estiveron presentes os alumnos do ciclo de Guía, información e asistencia turística do CIFP A Farixa e do IES 12 de outubro, onde se imparte un módulo de FP en Estética Hidrotermal

Dom, 25/09/2011 - 13:27
Xesús Vázquez Abad loa a FP galega na clausura da XI Feira Internacional de Turi
Xesús Vázquez Abad loa a FP galega na clausura da XI Feira Internacional de Turismo ‘Termatalia’, en Ourense

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou a XI edición da Feira Internacional do Turismo Termal, “Termalismo, Talasoterapia e Spa, Termatalia 2011”. Durante a súa intervención reivindicou o papel dos ciclos formativos desta especialidade e lembrou o alto índice de empregabilidade que acadan os estudantes de formación profesional.

Durante o acto de peche, o conselleiro, destacou que a feira é “o único certame do país especializado neste sector que combina con acerto e equidade o perfil profesional coa apertura ao público. Porque precisamos dos mellores emprendedores e dos traballadores da máis alta competencia, e porque somos conscientes de que, sen a demanda, todo o esforzo non serviría de nada”.

Ademais disto Vázquez Abad, con respecto ao departamento que el mesmo dirixe, sinalou que “estamos facendo unha aposta moi firme pola Formación Profesional. Para iso abrimos este curso sete novos centros que completan o mapa dos dezasete Centros Integrados de Formación Profesional da nosa comunidade, e que converten a Galicia en pioneira e referente para todo o Estado neste tipo de ensinanzas. Así o demostran- engadiu- o incremento de matrícula que esperamos que superen os máis de 42.000 estudantes e o esperanzador dato de que o 88% dos alumnos que cursan estas ensinanzas atopan traballo nos seis meses seguintes a rematar os estudos.”

Termalismo e FP

A Consellería de Educación estivo presente nesta edición de “Termatalia” cun posto da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no cal se presentou a oferta xeral de ciclos formativos das distintas familias profesionais. Aproveitando o carácter do evento, fíxose fincapé na familia de Imaxe Persoal, na cal existe - dentro do Ciclo Superior de Estética- un módulo de Estética Hidrotermal que se imparte no IES 12 de Outubro de Ourense. Ademais, o posto en Expourense contou coa atención do propio alumnado dese centro e tamén co do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turísticas do CIFP A Farixa.

Así, púxose de manifesto a estreita relación existente entre a formación profesional, particularmente dos ciclos das familias profesionais de Hostalería e turismo e de Imaxe persoal. Neste último caso, a través os ciclos superiores de estética e de asesoría de imaxe persoal os alumnos reciben formación coa finalidade de realizar funcións no ámbito da asesoría de imaxe persoal e prestación de servizos de estética, así coma as funcións organizativas e administrativas presentes nos seus futuros traballos. Deste xeito perséguese dar resposta as necesidades de formación nos eidos correspondentes e ofrecer o servizo de calidade que demandan os usuarios deste turismo termal.

Ademais, cómpre lembrar que os ciclos das familias de Hostalaría e Turismo, que se imparten no CIFP A Farixa e no IES Vilamarín, ambos de Ourense, gardan unha estreita relación coas actividades relacionadas coa temática central da feira de turismo Termatalia. Estes ciclos ofrecen formación ao alumnado en cociña e gastronomía, servizos de restauración, axencias de viaxes e xestión de eventos, guía, información, animación e asistencia turísticas, xestión de aloxamentos turísticos, dirección de cociña e servizos de restauración.

Coa súa presenza, o conselleiro, volve a demostrar a forte aposta da Consellería pola FP, así coma o interese que esta suscita entre a xuventude galega. Cómpre recordar que nos sectores vinculados ao termalismo existen moitas posibilidades para emprender e innovar, ademais de ser unha saída profesional e un sector en auxe en Galicia.

A feira

“Termatalia” é unha das catro feiras internacionais de turismo de España, e a única especializada neste sector. Deste xeito, en Expourense fomentouse o intercambio de experiencias tanto desde o ámbito empresarial como do institucional e social, ao mesmo tempo que se dá unha perspectiva global de termalismo a nivel internacional.

Nesta edición participaron un total de 27 nacións de 4 continentes, que reuniron un ano máis a prestixiosos poñentes de todo o mundo no VI Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo. No contexto da feira desenroláronse diferentes accións profesionais, tales coma, bolsas de contratación turística, misión de importadores de bens e equipos, prescriptores internacionais, axentes de viaxes  ou cata internacional de augas. A mostra contou cun total de 50 expertos de 13 países, sendo o país destacado nesta ocasión Arxentina.