Oito traballos presentados por sete centros educativos acadan os premios do II Concurso de Podcasts-Radio na Biblio

Os traballos debían xirar arredor do homenaxeado co Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero, o patrimonio lingüístico galego ou a lectura de poesía e teatro en lingua galega
O certame convócase en colaboración coa Radio Galega
Ven, 30/10/2020 - 14:23

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar a relación dos centros premiados no II Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que acadaron un total de 7 centros educativos de toda Galicia cos traballos realizados nos seus laboratorios radiofónicos.

O concurso consta de catro modalidades. Na de Infantil e primeiro ciclo de Primaria resultan premiados o CEIP Nicolás del Río (Cedeira), polo podcast Primavera das Letras, o CEIP San Bartolomé (Vilanova de Arousa), por Entrevista a Antonio García Teijeiro e o CPI Suárez Marquier (O Rosal), por O rap de Carvalho Calero.

Na modalidade dirixida ao resto dos cursos de Primaria, os gañadores son o CEIP Mestre Manuel García (Oia), por Curiosidade espacial, e o CEIP de Foz nº 1 (Foz), por Teatro radiofónico: Auto do alugado (Manuel María).

Na categoría de ESO son galardoados o IES Punta Candieira (Cedeira), polo podcast Argallando coas palabras, e o IES Fontexería (Muros), por Confinamento nas ondas: especial Carvalho Calero. Finalmente na categoría dirixida a alumnado de Bacharelato ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos o centro premiado é, de novo, o IES Punta Candieira (Cedeira), por Hoje vai de poesía.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán cada un unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Os podcasts premiados serán difundidos pola Radio Galega a partir desta fin de semana a través da súa páxina e a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (web de Bibliotecas Escolares de Galicia e outros).

Ademais, o alumnado implicado nos traballos seleccionados poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela, tras o acordo previo con esta entidade, e sempre que a situación sanitaria o permita. Da mesma forma, a Radio Galega poderá realizar entrevistas a algúns dos grupos responsables dos traballos seleccionados.

Ferramenta pedagóxica

Este é o segundo ano no que a Consellería convoca, en colaboración coa CRTVG, este concurso, destinado aos centros públicos participantes no programa Radio na Biblio e a outros centros que traballan xa con este medio como ferramenta pedagóxica.

Este ano, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, os podcasts radiofónicos participantes debían xirar arredor do traballo do ferrolán, ou inspirados pola súa figura, en cuestións como a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro. A temática dos traballos tamén podía ir dirixida a estimular a lectura de poesía e teatro galegos e en galego.