Política Lingüística premiará os proxectos de dinamización do galego máis innovadores dos centros educativos

A Consellería de Educación publica hoxe no DOG a resolución pola que se aproban as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Educación para desenvolver no curso académico 2011-2012

O prazo de presentación de solicitudes será desde mañá ata o 15 de outubro

Xov, 15/09/2011 - 11:49

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros educativos para desenvolver no curso académico 2011-2012. Faino a través da resolución que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os centros de titularidade desta consellería interesados en presentar os seus proxectos poderán facelo desde mañá ata o 15 de outubro.

As experiencias máis innovadoras de entre todas as que se presenten serán premiadas cunha dotación económica de 2.500 euros. O profesorado implicado tamén recibirá unha xornada de orientación específica en dinamización lingüística e a secretaría xeral porá á súa disposición o asesoramento necesario para a realización dos proxectos gañadores. Ademais, o premio inclúe a difusión das experiencias a través da rede e a publicación dos materiais educativos producidos no web da secretaría xeral (www.xunta.es/linguagalega).

Oralidade, colaboración e TIC, outras das claves

Xunto co seu carácter innovador, terase en conta que os proxectos fomenten o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas. O achegamento á lingua e ao coñecemento da realidade sociocultural galega por parte do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias será outro aspecto que se valorará á hora de seleccionar os proxectos.

Ademais, co fin de favorecer que o uso do galego se prolongue no contorno que rodea os centros –de xeito que os mozos e mozas galegos atopen nel espazos onde comunicarse con normalidade na lingua propia de Galicia–, tamén se terá en conta a colaboración con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como coas empresas locais, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social. Finalmente, valorarase a relación da lingua galega con ámbitos de interese para a mocidade como son as tecnoloxías da información e da comunicación.

Garantir unha competencia lingüística efectiva en galego

Con esta convocatoria de premios, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, busca fomentar o desenvolvemento de experiencias educativas innovadoras que impliquen o uso do galego para garantir unha competencia lingüística efectiva no idioma. Así, conséguese reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e ofréceselle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

O educativo, un ámbito prioritario

Xunto coa convocatoria destes premios, a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa un conxunto de medidas que buscan promover o uso do galego desde o ámbito educativo. As axudas dirixidas aos proxectos de dinamización do uso do galego nos centros de ensino constitúen unha delas.

Os equipos de dinamización da lingua galega, que este ano celebran o vixésimo aniversario do seu nacemento, son os principais responsables do deseño e posta en marcha dos proxectos de fomento do galego nos centros. Aos seus membros e coordinadores van dirixidos os seminarios de dinamización lingüística que tamén organiza a secretaría xeral para reforzar a súa formación.

 

Menús News node R

Colectivo