A Xunta e as universidades planifican as actuacións de fomento do uso do galego no ámbito universitario

O Goberno galego e as tres universidades traballan conxuntamente no marco da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que se reuniu hoxe en Vigo

A adhesión da Consellería de Educación foi aprobada durante o encontro, ao que asistiron os secretarios xerais de Política Lingüística e de Universidades

Mér, 14/09/2011 - 18:35

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas comezaron hoxe a planificación de novas medidas que permitan ampliar a presenza do galego no ámbito universitario. Fixérono na reunión da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística que tivo lugar hoxe en Vigo e á que asistiron, por parte do Goberno galego, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

A aprobación da adhesión da Xunta de Galicia á Comisión Interuniversitaria tamén tivo lugar no marco da reunión de hoxe. O Goberno galego participa na comisión a través dos departamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Coa súa participación na comisión, a Xunta quere contribuír coa planificación de actuacións para favorecer a presenza do galego neste espazo académico superior.

Na reunión, que estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tamén participaron os responsables dos servizos lingüísticos e representantes da política lingüística das tres universidades galegas.

Próximas accións de promoción do galego

Entre as próximas medidas que acordaron impulsar encóntrase a de promover a edición de manuais docentes en galego nas diferentes áreas de coñecemento, principalmente para os primeiros cursos dos graos, e facilitarlle o seu acceso á comunidade universitaria a través de plataformas en liña.

O impulso da investigación en galego no ámbito universitario foi outro dos aspectos que centrou a orde do día do encontro. Con este obxectivo, a comisión pretende traballar no deseño de novas propostas que favorezan o uso do galego neste campo, cuantificable a través dun dos vinte indicadores do plan de financiamento das universidades, concretamente o de número de teses lidas en galego.

Tamén nesta dirección, sitúase o obxectivo de ampliar a presenza do galego nos espazos dedicados á ciencia. Para isto, a Xunta e as tres universidades teñen previsto reactivar a campaña En galego tamén se fai ciencia. A promoción do uso do galego no marco de congresos e simposios, a través de aspectos como os materiais, a rotulación ou a tradución dos relatorios desde e para o galego foi outra das medidas que se propuxo durante o encontro.

Ampliar o uso do galego nas universidades

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega no proceso de normalización lingüística. A súa creación, que tivo lugar en 2009, entronca cunha das medidas que recolle, para a área do ensino, o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG). Trátase da medida 2.1.41, que propón a creación dunha “comisión estable, coa participación da Xunta de Galicia e das universidades”, que se encargue de planificar e coordinar a política lingüística universitaria en Galicia.

Propostas do PXNLG vinculadas coa política lingüística universitaria

Xunto coa creación desta comisión, o PXNLG tamén inclúe outras propostas vinculadas coa política lingüística universitaria, que inciden na oferta de cursos de formación en lingua galega, na edición en galego de libros científicos, vocabularios, glosarios, dicionarios e bibliografía nas diferentes áreas de coñecemento, así como na promoción do voluntariado lingüístico universitario.

A colaboración da Xunta coas universidades a prol do fomento do galego

Co fin de poder materializar progresivamente estas e outras iniciativas que favorezan a presenza do galego en todos os planos do espazo académico superior, a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración permanente coas universidades galegas.

Ao abeiro de cadanseu convenio de colaboración, as tres institucións desenvolven anualmente unha ampla actividade formativa e investigadora, así como unha constante actuación dinamizadora emprendida desde os seus servizos lingüísticos, que inclúe campañas de promoción do uso do galego, asesoramento, edición de materiais, organización de ciclos e conferencias e convocatorias de premios e concursos para a extensión do idioma, entre outras iniciativas.

Menús News node R

Ensinanza