O Comité Educativo traballará organizado en catro subgrupos arredor da organización dos centros, o ensino virtual, a inclusión e as ensinanzas de réxime especial

O titular do departamento educativo da Xunta agradeceu o compromiso de todos os seus membros e salientou a aposta da Xunta pola participación da comunidade educativa e o consenso
Lun, 21/09/2020 - 13:51
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a primeira reunión do Comité Educativo, o máximo órgano asesor do Goberno galego neste eido no contexto da pandemia derivada da covid-19. Nesta xuntanza, explicou que o Comité organizará o seu traballo en catro subgrupos, centrados na organización escolar e interna dos centros, no ensino virtual, na inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais e nas ensinanzas de réxime especial (adultos, artísticas e deportivas, que funcionan cos seu propios ritmos).

Román Rodríguez quixo comezar agradecendo a todos os integrantes do Comité Educativo a súa participación neste órgano, que “denota un compromiso significativo co traballo por parte destes profesionais”, dixo. O titular do departamento educativo da Xunta explicou que o obxectivo deste Comité é contar con mecanismos de asesoramento, decisión e avaliación neste contexto, no que se van producir “moitas situacións impredecibles e descoñecidas”.

Así mesmo, incidiu en que o Goberno galego entende, e dese espírito nace o Comité Educativo, “que hai que favorecer a participación e o maior consenso posible no eido educativo”. Neste sentido recalcou que todos os axentes implicados son “fundamentais para que os sistema funcione con normalidade e o mellor posible dentro da situación actual”, mantendo a súa calidade.

O conselleiro quixo tamén facer fincapé en que, aínda que sigue a estela do Comité Clínico, o Comité Educativo non vai tomar decisións sanitarias. Aínda así, agradeceu a presenza de expertos deste ámbito, considerando moi positivo contar con asesoramento do persoal sanitario para tomar decisións educativas no escenario actual.