A Consellería de Educación confirma que o vindeiro curso escolar haberá preto de 200 interinos máis que o ano pasado

Os estudantes que comezaran as clases en secundaria, bacharelato e formación profesional e outras ensinanzas este venres xa terán 157 profesores interinos máis que en setembro do ano pasado

En secundaria xa están adxudicadas 3.043 prazas de profesores que están en expectativa de destino e interinos que se corresponden con 156 especialidades distintas

Deste xeito a Administración garante a axeitada atención docente e calidade educativa a todo o alumnado galego

Mér, 14/09/2011 - 17:29

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria confirmou hoxe que o curso escolar de secundaria e bacharelato, Formación Profesional e outras ensinanzas que se inicia este venres farano con 157 profesores interinos máis dos que tiñan estes niveis educativos nas mesma datas do 2010. Cómpre recordar que a cifra de interinos tamén se incrementou na etapa de infantil en 27, especialmente en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.

Deste xeito a Consellería volve a demostrar os resultado do traballo desenvolvido pola administración galega a prol de garantir a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención ao apoio aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa, así como o mantemento da calidade do ensino.

Prazas adxudicadas

Segundo afirmou o director xeral de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal, “xa están adxudicadas as prazas que se van a cubrir polo profesores que están en expectiva e tamén polos interinos de cara ao curso que comeza este venres. Xa se coñecen os destinos e tomarán posesión de forma inmediata de xeito que todos estarán nos seus postos o venres para un comezo de curso normal”.

Neste punto o director xeral destacou que “se adxudicaron 3.043 prazas que se corresponden con 156 especialidades distintas e, como pasara en primaria, nesta etapa educativa tamén se incrementa o número de interinos en 157 máis que nas mesmas datas do 2010”. Así todos estes profesores poderán confirmar o seu destino nas listas publicadas na páxina web da Consellería de Educación.

Termos cuantitativos

Asemade sinalou que “as cifras dadas a coñecer pola Consellería confirman que en  termos cuantitativos increméntase o número de interinos”, xa que como recordou “a estas cifras de secundaria débense engadir os 27 interinos máis que xa teñen a súa praza en primaria e infantil, unha etapa na que destaca especialmente aumento do número de mestres de audición e linguaxe e de pedagoxía terapéutica”.

Deste xeito a Consellería de Educación volve a dar conta de seu traballo a prol da calidade educativa, xestionando eficientemente os recursos existentes e dando resposta as demandas educativas que se presentan nas distintas etapas educativas.

Declaracións (1) do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e O. U., José Manuel Pinal

Declaracións (2) do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e O. U., José Manuel Pinal