Román Rodríguez ofrece aos centros que o precisen optar pola semipresencialidade en Bacharelato e FP de grao superior

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a reunión do Consello Escolar de Galicia, aos que asistiu tamén o conselleiro de Sanidade, onde escoitou as suxerencias dos axentes presentes

Terá que ser autorizada pola Inspección educativa e poderán solicitala os centros que, pola súa alta matriculación e número de ensinanzas que imparte, teñen dificultades para adaptarse ás medidas derivadas da covid-19

Como complemento, e para todo o sistema educativo, deseñarase un Plan de Continxencia para o Ensino Virtual e crearase un Comité Educativo para preservar a calidade e equidade do ensino en Galicia

En calquera caso, a Consellería mantén o compromiso de incrementar o profesorado en Secundaria para facer os desdobres que sexan necesarios

Así mesmo, xa se está a traballar na actualización do protocolo para a xestión dos gromos (vixente desde abril), así como na elaboración dun protocolo específico para a organización dos comedores escolares

Mér, 09/09/2020 - 00:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ofreceu hoxe aos centros educativos que impartan Bacharelato e Formación Profesional de grao superior optar pola semipresencialidade durante este curso 2020/2021, se así o precisan. Fíxoo na reunión do Consello Escolar de Galicia, onde o titular do departamento educativo da Xunta escoitou as suxerencias dos axentes participantes (profesorado, ANPAs, centrais sindicais, Administración local, Universidade, entre outros) de cara ao inicio deste ano académico e á adaptación do ensino galego á situación derivada da pandemia da covid-19, unha reunión na que participou tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Neste sentido o conselleiro convidou os participantes a unir forzas para preservar a calidade e equidade do sistema educativo galego, ao tempo que se traballa para conseguir unhas aulas seguras.

A semipresencialidade en Bacharelato e FP de grao superior poderán solicitala os centros que, polo número de ensinanzas que imparten, pola súa alta matrícula ou por razóns arquitectónicas, teñan dificultades para adaptarse ás medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021. En calquera caso, esta opción deberá ser autorizada pola Inspección educativa, e estará sempre vencellada ao contexto actual da pandemia.

Para dar maior flexibilidade á hora de organizarse, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de que os centros instalen mamparas protectoras nas aulas ou talleres para garantir que se mantén a seguridade e a separación pertinente entre os alumnos. Esta medida xa foi avalada polo Comité Clínico. En calquera caso, Román Rodríguez reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de incrementar o profesorado en Secundaria para facer os desdobres necesarios.

No caso das ensinanzas que comezan mañá (Infantil, Primaria e Educación Especial) non se baralla esta opción, dado que os centros xa están preparados para afrontar o curso escolar. Neste sentido cómpre lembrar que este alumnado se vai organizar en grupos de convivencia estable de ata 25 alumnos, que non precisan manter a distancia de 1,5 metros entre si. Ademais, nestes centros xa estarán mañá operativos os desdobres necesarios e traballando os 240 docentes contratados a maiores para darlles cobertura ás unidades creadas.

Como complemento e para maior apoio en casos de gromos, o conselleiro anunciou tamén a elaboración dun Plan de Continxencia para o Ensino Virtual ou semipresencial que inclúa reforzo do equipamento, formación do profesorado e contidos educativos. Este Plan será de aplicación a todas as etapas non universitarias.

Comité Educativo

Co mesmo obxectivo de garantir a calidade do ensino nesta situación excepcional, mañá mesmo someterase á aprobación do Consello da Xunta a creación dun Comité Educativo, que traballará de xeito coordinado co Comité Clínico, un órgano asesor para tomar as decisións vencelladas co desenvolvemento da actividade lectiva e avaliacións en función da evolución da situación sanitaria.

Este equipo de expertos non abordará cuestións sanitarias, reservadas para o Comité Clínico, senón que se centrará en asesorar en todo o relacionado coa metodoloxía, contidos e posibilidades de impartir docencia neste novo escenario.

Protocolo para os gromos

Aproveitando a presenza do conselleiro de Sanidade, o titular de Educación explicou tamén que xa se está a traballar na actualización do Protocolo para a xestión dos gromos (vixente desde abril). Así mesmo, habilitarase un sistema de información para toda a comunidade educativa, de tal forma que as familias poidan coñecer como se atopa a situación de contaxios no referido aos centros.

Nunha chamada á tranquilidade, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que cada centro de ensino ten un centro de saúde de referencia para todas as consultas relativas á covid-19. Ademais, no caso de haber un gromo, intervirá a Xefatura Territorial de Sanidade.

Comedores

Ademais de no estritamente educativo, Román Rodríguez quixo insistir na importancia do servizo complementario de comedor escolar, especialmente no que atinxe á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido comprometeuse coas Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares a incrementar de forma substancial a contía das axudas que a Consellería lles destina anualmente, co fin de facilitar as medidas de adaptación sen que isto supoña un prexuízo para as familias no prezo do menú.

Así mesmo, a Xunta de Galicia está a traballar xa nun protocolo específico para o funcionamento dos comedores escolares, que será sometido á avaliación e asesoramento do Comité Clínico.

Un reto de país

Román Rodríguez sinalou o curso escolar é “un reto de país, no que todos estamos implicados” e que supón “unha triple responsabilidade”: sanitaria, de xestión e educativa.

Neste sentido o conselleiro quixo rematar facendo unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade, pedindo a colaboración dos participantes no Consello Escolar de Galicia para, neste curso 2020/2021, garantir a seguridade de toda a comunidade educativa á par que se mantén o prestixio do ensino galego avalado por informe como PISA.