A Consellería de Educación aposta pola calidade e a eficiencia coa reestruturación do sistema de formación do profesorado

O conselleiro inaugurou o Centro Autonómico de Formación e Innovación, que coordinará a estrutura dos CFR para facer mais eficiente e atractiva a formación

Vázquez Abad fixo dixo que se le liberaran dos custes en dietas e desprazamentos para adicalos totalmente á formación

Mar, 13/09/2011 - 13:20

Vídeo (1) coas declaracións de Xesús Vázquez Abad, na inauguración do Centro Autonómico de Formación e Innovación

Vídeo (2) coas declaracións de Xesús Vázquez Abad, na inauguración do Centro Autonómico de Formación e Innovación

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe en Santiago o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) co que se reestrutura o ata o de agora vixente sistema de formación do profesorado, co obxectivo de facer que o devandito servizo aos docentes sexa máis eficiente. Vázquez Abad explicou que grazas o aludido reordenamento do sistema poderanse aforrar preto de 800.000 € anuais en ferramentas, desprazamentos e dietas, habida conta de que a formación achegarase ao profesorado en cada un dos CFR e centros colaboradores, e unha parte terá carácter semipresencial ou se impartirá a distancia. Nese sentido, mesmo parte dos custes que ata o momento se producían, agora se liberarán para adicalos por enteiro á formación. O CAFI coordinará, asumirá e mellorará as funcións dos 6 CFR, e reforzará a actualización dos coñecementos dos docentes no marco dos plans anuais de formación impulsados pola Consellería, todo elo coa colaboración de 28 centros en rede.

No acto celebrado hoxe en Santiago de Compostela, e no que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, Vázquez Abad fixo fincapé no profesorado como unha peza clave na mellora do sistema educativo de Galicia, “polo que a súa formación permanente convértese nun piar da educación, nun dos factores determinantes da mellora da calidade do ensino e, en consecuencia, nun obxectivo prioritario para a Administración educativa”.

O conselleiro explicou que  a sociedade actual está a imprimir un profundo cambio no rol dos docentes, que deben ser quen de afrontar novas funcións no que atinxe á atención á diversidade, á multiculturalidade, á mellora da competencia lingüística do alumnado, á incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación e á procura da excelencia, entre outras. Neste sentido –dixo- “é necesario fornecer ao noso sistema educativo dunhas estruturas de formación permanente do profesorado que dean resposta a estes requirimentos, que optimicen os recursos existentes, que traballen con eficiencia e procuren a excelencia”.

Nova estrutura

O CAFI enmárcase no Decreto 74/2011, polo que se regula a formación permanente do profesorado, e nace como o órgano encargado de analizar as necesidades de formación do profesorado e deseñar os plans anuais de formación.

O CAFI estará constituído por departamentos de formación, que se encargarán de elaborar e xestionar as correspondentes actividades formativas. Entre as súas funcións o conselleiro destacou tamén o desenvolvemento da formación a distancia, a coordinación do desenvolvemento dos plans anuais de formación, a selección e adaptación de contidos para contornas educativas dixitais e o desenvolvemento e avaliación de proxectos de investigación e innovación educativa. Polo demais, a formación do profesorado de Galicia será autorizada, coordinada e avaliada pola Dirección Xeral de Educación Formación Profesional e Innovación Educativa, desde o Servizo de Formación.

O labor do CAFI estará apoiado polo desenvolvido nos seis Centros de formación e recursos (CFR), situados nas cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Estes centros serán os encargados de xestionar e executar as accións formativas previstas nos plans anuais de formación permanente do profesorado, detectar e recoller as necesidades e demandas de formación nos centros educativos, propoñer iniciativas e accións formativas que as satisfagan, e promover accións de formación do profesorado nos centros.

Os CFR contarán ademais coa axuda dos 28 Centros colaboradores docentes públicos que facilitarán os espazos e medios necesarios para a realización de actividades formativas que sexa preciso realizar neles.

Para completar o novo esquema do sistema de formación permanente do profesorado, en cada centro educativo haberá un Coordinador de formación. Trátase dun docente con destino definitivo no centro que colaborará co CFR na planificación e realización das actividades de formación no seu propio colexio ou instituto; que promoverá a participación do profesorado; planificará e organizará as actividades de formación do profesorado realizadas polo centro e recollerá as necesidades de formación detectadas.

Ademais a Consellería de Educación ten previsto establecer canles de colaboración en materia de formación do profesorado con outras entidades ou institucións que teñan entre os seus fins primordiais a mellora da formación do profesorado, en particular coas universidades,  coa finalidade de complementar a oferta formativa institucional.

Mellora e optimización

Tal e como explicou o conselleiro, o que se pretende con esta reordenación é mellorar o rendemento do sistema de formación permanente do profesorado, optimizando os recursos existentes na busca da eficiencia e da excelencia. Neste sentido Vázquez Abad recordou que o cambio da estrutura que funcionaba a inicio de lexislatura, constituída por 7 CFR, “servirá para que con menos recursos poidamos obter un maior impacto  nas aulas”.

Desta forma, sinalou,  a nova proposta permite estruturar unha formación continua sensible ás necesidades do profesorado, ás demandas sociais e ás recomendacións dos organismos internacionais, aberta á colaboración con institucións de prestixio no ámbito educativo, inserta no contorno socioxeográfico e suxeita aos necesarios procesos avaliativos que garantan a súa calidade e favorezan a súa mellora continua