O curso escolar en Infantil e Primaria arrinca con normalidade nas catro provincias galegas

Dos 1.002 centros nos que se iniciaba hoxe a actividade, só o 1,1% rexistraron pequenas incidencias

Máis de 198.000 escolares de Educación Infantil e Primaria asistiron hoxe ao primeiro día de clase

Lun, 12/09/2011 - 14:45

O curso escolar comezou con total normalidade nas catro provincias galegas, nas que máis de 198.000 escolares volveron ás aulas de Educación Infantil e Primaria.

Só unha ducia do total dos 1.002 centros educativos que comezaban a súa actividade hoxe rexistraron algunha pequena incidencia. Na provincia da Coruña, só 3 centros non puideron iniciar hoxe o curso. Así, na EEI da Angustia (A Pobra do Caramiñal), as clases comezarán mañá, cando todo o material estea dispoñible; e no CEIP de Buño a actividade académica iniciarase dentro de 2 días, debido ao retraso nas obras que está a realizar o Concello no centro.

Doutra banda, o conselleiro reunirase hoxe mesmo cos pais e nais do alumnado do CEE María Mariño (A Coruña para explicarlles que as clases comezarán en 2 días, en canto estea dispoñible todo o persoal de coidadores e educadores

Na cidade de Lugo, o CEIP Illa Verde deu comezo con normalidade ás clases, aínda que o servizo de comedor comezará a prestarse a vindeira semana. O retraso da autorización por parte do Concello para actuar sobre a casa do conserxe fixo que se retrasasen as obras neste centro.

Na mesma cidade o CEIP Paradai iniciou tamén a actividade con normalidade, malia á pequena inundación que afecta a 3 aulas do centro, debido á rotura dunha billa durante a fin de semana. A actividade académica puido iniciarse grazas á habilitación da biblioteca e doutro espazo do colexio como aulas.

Escolas unitarias

Na provincia de Ourense todos os centros educativos iniciaron a súa actividade sen incidencias, agás o CEIP Ben-Cho-Shey, de Pereiro de Aguiar, onde parte do alumnado non asistiu á clase acudindo a unha convocatoria da súa ANPA.

Respecto da provincia de Pontevedra, na CRA de Ribadumia e no CEIP Praza de Barcelos (Pontevedra cidade) retrasouse o inicio das clases por obras que está a realizar o Concello e que non están rematadas a inicio de curso.

En outras catro escolas infantís a actividade lectiva comezará nos vindeiros días, en canto se cubran as baixas dos profesores encargados destas unidades. Trátase das EEI de Dimo e EEI de Abalo, ambas as dúas en Catoira, da EEI de Cividáns(A Guarda)e da EEI de Romariz (Soutomaior). En todo caso, esta última permaneceu aberta, xa que a profesora de relixión atendeu ás alumnas e alumnos.