O conselleiro de Educación aposta pola consolidación do sistema educativo público como base do futuro dunha sociedade democrática

Xesús Vázquez Abad destacou, nunha entrevista na Televisión de Galicia, a “alta implicación” do profesorado galego no labor docente

O conselleiro insistiu na necesidade de facer un uso eficiente dos recursos para mellorar a calidade do sistema de ensino en Galicia

Lun, 12/09/2011 - 11:23

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, apostou hoxe pola consolidación do sistema educativo público en Galicia “como base do sistema democrático e do futuro da sociedade”. Nunha entrevista no programa ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a “alta implicación” do profesorado galego, “ao que lle debemos moito” no que respecta ao traballo pola mellora do ensino na nosa comunidade. Neste sentido, Vázquez Abad incidiu na necesidade de seguir traballando, en colaboración cos docentes e as organizacións sindicais, a prol do sistema de ensino público en Galicia.

Respecto da modificación do horario lectivo dos mestres de infantil e primaria, o conselleiro de Educación fixo fincapé na necesidade de facer un uso eficiente dos recursos públicos, máis se cabe na actual situación. “É algo que a sociedade entende”, ao igual dos docentes, dixo. Neste sentido Vázquez Abad quixo diferenciar ao profesorado “do papel dos sindicatos e o intento de politización da manifestación dos docentes por parte de dúas organizacións políticas”.

Apoio e reforzo

Así, Vázquez Abad destacou que a modificación do horario lectivo permitirá unha atención ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado galego, con maior número de horas de reforzo e orientación. Doutra banda, regúlase a atención ao alumnado transportado á entrada e saída das clases, “algo moi demandado tanto polas familias como polos equipos directivos que xa viñan desenvolvendo esta función”.

Doutra banda, a volta ao horario lectivo de 25 horas –o vixente ata 2007-, dixo, “non supón en ningún caso aumentar a xornada laboral”. “De feito –sinalou- se non se tivese cambiado no 2007, teríanse aforrado 60 millóns de euros, cos que se poderían ter construído 12 centros educativos”.

O conselleiro de Educación quixo ademais deixar claro que os interinos que forman parte do sistema educativo galego van a seguir traballando nel este curso. “De feito, a día 30 de agosto, xa había máis interinos contratados que na mesma data do ano anterior”, indicou.