Dispoñibles na rede novas curtas de animación para favorecer a aprendizaxe en galego dos máis pequenos

Os contos Os sete cabritos, A pota que trota e Fiz, o coleccionista de medos xa están accesibles no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Os materiais, que tamén foron distribuídos nas aulas de infantil en formato DVD, inclúen propostas didácticas para traballar cos nenos e nenas desta etapa a súa competencia lingüística en galego

Dom, 11/09/2011 - 11:00
Portada da proposta didáctica para o conto de Os sete cabritos.
Portada da proposta didáctica para o conto de Os sete cabritos.

Os sete cabritos, A porta que trota e Fiz, o coleccionista de medos son os títulos de tres fermosas curtas de animación infantil que xa están dispoñibles na rede. Estes contos audiovisuais, dirixidos a entreter e a favorecer a aprendizaxe en galego dos máis pequenos, están accesibles a través do web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega), que vén de poñelos a disposición da cidadanía xunto con cadansúa proposta didáctica para traballar, na aula ou en familia, a competencia lingüística dos nenos e nenas.

As propostas didácticas que acompañan os audiovisuais foron elaboradas como material de apoio aos docentes por profesionais con ampla e recoñecida traxectoria na educación infantil. Nelas, desenvólvese o currículo desta etapa educativa co obxectivo fundamental de favorecer a competencia en comunicación lingüística do alumnado. Con este fin, os nenos e nenas, ademais de veren a proxección e escoitaren un modelo de fala de calidade na narración, poden expresarse, manifestar preferencias e sentimentos, dialogar cos compañeiros, narrar etc.

Distribución do material nos centros de ensino

Os materiais, editados pola secretaría xeral en DVD e desenvolvidos por OQO editora, foron enviados recentemente aos centros de ensino de Galicia que imparten educación infantil e ás aulas hospitalarias da comunidade.

Menús News node R