Galicia celebra o consenso estatal acadado para o inicio do curso escolar, que incorpora a meirande parte das medidas xa previstas no Protocolo da Xunta

Os conselleiros de Educación e de Sanidade participaron hoxe na sesión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde
O documento ratificado entre Goberno e CCAA avoga pola presencialidade e avala os grupos de convivencia estable, o uso obrigatorio de máscaras e a aplicación de test serolóxicos, como xa contemplaba o Goberno galego
Carmen Pomar congratulouse de que “estamos facendo as cousas na liña correcta” e subliñou a necesidade de “establecer acordos e acadar puntos de converxencia”
Jesús Vázquez defendeu a enquisa de síntomas en domicilio tanto para alumnos como para docentes, fronte á toma de temperatura nos centros que inicialmente prevía o documento do Goberno do Estado, xa que evita acudir ao centro ante a mínima dúbida
Xov, 27/08/2020 - 16:08

O Goberno galego celebra o consenso acadado hoxe entre as Comunidades Autónomas e o Goberno central sobre o inicio do curso escolar, cun documento que incorpora a meirande parte das medidas que xa están recollidas -ou co compromiso de incorporalas nas actualizacións previstas- no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021 elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade presentado o pasado xullo.

Trátase, en concreto, da aposta pola presencialidade sempre que as autoridades sanitarias non diten o contrario, o establecemento de grupos estables de convivencia sen limitación de distancia nin ratios de alumnado, a aplicación de test serolóxicos para todo o persoal docente e non docente dos centros educativos (cribado que xa se está levando a cabo nestes momentos), e o uso obrigatorio de máscaras a partir de seis anos.

Así o expuxeron esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, na sesión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación Educación e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, unha convocatoria na que, a pesar da súa “extemporaneidade”, apostaron por un “marco construtivo” para garantir un inicio de curso escolar coa máxima seguridade dentro do contexto actual. Os responsables de Educación e de Sanidade do Goberno galego tamén lamentaron a pouca marxe para analizar a proposta do Goberno Central, que foi recibida a última hora do día de onte.

Con todo, tanto Carmen Pomar coma Jesús Vázquez puxeron en valor as modificacións acordadas sobre a proposta inicial como o uso de máscaras obrigatoria a partir de seis anos; ou incidir nas medidas de ventilación xa que a evidencia científica está a ratificar a transmisión aérea sobre a de superficie.

Galicia tamén considera positivo que o Goberno Central incorporara a opción de enquisa de autoavaliación e toma de temperatura domiciliaria tanto para alumnado como para profesorado, que xa figura no Protocolo da Xunta, e que permite máis anticipación ante a mínima dúbida, ao actuar na casa antes de acudir ao centro escolar; fronte á toma de temperatura dos centros, que se mantén.

Así mesmo, o conselleiro de Sanidade reclamou tamén “criterios estritos” á hora de definir os positivos e os considerados coma contactos estreitos, ao tempo que reclamou unha guía de actuación específica ante a aparición de casos en centros educativos, que debe estar avalada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, demanda que quedou tamén comprometida polos responsables do Goberno.

Finalmente, os conselleiros demandaron ao Goberno Central a necesidade de fondos específicos para a aplicación das medidas contempladas no documento aprobado hoxe. Concretamente, fixeron fincapé en que o anunciado fondo Covid 2020 non cubre as necesidades de todo o curso escolar, xa que este se estende ata mediados do ano 2021.