Carmen Pomar sinala a mención de excelencia aos máster como un instrumento para a mellora da oferta especializada do SUG

Salienta o modelo da universidade galega como un referente en España e apostou por seguir construíndo un sistema competitivo, único e de calidade

Anuncia que cada un deles recibirá este ano unha achega económica de 20.000 euros

Obtiveron esta distinción os máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC), en Enxeñería Informática (UDC) e en Enxeñería Ambiental (USC)

A conselleira en funcións fixo entrega destas mencións aos reitores das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña

Ven, 31/07/2020 - 13:54

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, entregou hoxe aos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; e da Universidade da Coruña, Julio Abalde; as Mencións de Máster Universitario Excelente a titulacións universitarias oficiais destas institucións académicas.

Durante a súa intervención, a titular en funcións do departamento educativo da Xunta sinalou estas mencións como “un instrumento para a mellora progresiva da oferta académica especializada do Sistema Universitario de Galicia (SUG), ao recoñecer a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora de determinadas titulacións”. Neste sentido recordou que este recoñecemento forma parte das medidas contempladas no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia “para potenciar a calidade nas universidades galegas e, ao tempo, para seguir avanzando no camiño da vangarda e a excelencia”.

“Trátase dunha aposta polo futuro da nosa comunidade –dixo–, que busca satisfacer a necesidade de formación especializada que require a nosa contorna socioeconómica”, co fin de estimular o aproveitamento académico e a transmisión de coñecemento á sociedade. “Seguimos apostando pola construción dun Sistema universitario de Galicia competitivo, único e de calidade. Aínda queda moito traballo por diante, pero o modelo da universidade galega é xa pioneiro e referente en España”.

No referido aos tres máster que obtiveron a Mención á Excelencia, Pomar destacou que as tres titulacións acadaron altas puntuacións en todos os aspectos valorados. A este respecto, puxo en valor “as altas taxas de demanda que teñen, a titorización individualizada que ofrecen ao alumnado e, como resultado, a satisfacción do mesmo”, así como o esforzo que realizan a prol dunha aprendizaxe práctica, a presenza de profesorado excelente e a valoración da súa inserción laboral.

Pomar quixo destacar tamén que esta mención de excelencia favorecerá a competitividade dos máster públicos “ao garantir á sociedade esa calidade en todos os aspectos académicos e de inserción laboral”. Ademais, explicou que, por acordo da Comisión de Seguimento do plan de financiamento universitario, cada un deles recibirán unha achega económica de 20.000 euros para este ano 2020 co obxecto de impulsar todas as accións de mellora reflectidas na súa estratexia.

Selo de calidade

Nesta primeira convocatoria de Mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia obtiveron este selo de calidade o máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e o máster en Enxeñería Informática (ambos da Universidade da Coruña); así como o máster universitario en Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Educación, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes. Ten unha vixencia de cinco cursos académicos ao fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.