Carmen Pomar comproba a evolución das obras no CEIP do Carballal (Marín)

A rehabilitación enerxética do centro conta cun orzamento de adxudicación de máis de 650.000 euros

Mar, 28/07/2020 - 14:48
c

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP do Carballal (Marín), onde comprobou a evolución da obra de rehabilitación enerxética que o seu departamento está a realizar neste centro por importe de 656.817,04 €. Pomar sinalou que os traballos avanzan a bo ritmo e que, dado que o prazo de execución das obras é de 2 meses e medio, o obxectivo é telas rematadas para o inicio do novo curso.

A mellora da eficiencia enerxética deste centro inclúe o illamento exterior da fachada mediante sistema tipo SATE de poliestireno expandido EPS. Así mesmo instalaranse fiestras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. A maiores realizaranse melloras nos revestimentos e carpintería interior e repararanse e pintaranse os paramentos interiores.

Tal e como explicou a conselleira en funcións, todas as actuacións combinadas suporán un aforro enerxético anual do 24,19% en consumo de enerxía primaria e do 26,52 % en emisións de CO2, e redundarán nun maior confort térmico para a comunidade educativa do CEIP do Carballal.

Esta obra enmárcase no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas de Galicia 2016/2021. Cómpre lembrar, ademais, que o orzamento para obras en centros de ensino vese incrementado este ano ao abeiro do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos, grazas ao que se inxectan 30 millóns máis dos previstos inicialmente, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas. Co novo paquete de medidas o investimento elevarase a máis de 51 millóns de euros, e este 2020 realizaranse 535 actuacións de obra e equipamento.

Na provincia de Pontevedra desenvolveranse máis de 130 actuacións, por importe de máis de 14 millóns de euros. Delas, 19 serán grandes obras, entre as que se inclúe esta rehabilitación enerxética do CEIP do Carballal.