O conselleiro de Educación dá conta do avance das obras de cubrición da pista polideportiva do IES Lagoa de Antela, en Xinzo

Xesús Vázquez Abad destacou a importancia desta obra, que responde a unha demanda da comunidade educativa do centro

Mar, 30/08/2011 - 13:50

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou durante a mañá de hoxe o IES Lagoa de Antela, no municipio ourensán de Xinzo de Limia, onde deu conta das obras que se están a realizar para a cubrición da pista polideportiva, e que supoñen un investimento de máis de 164.000 euros por parte do departamento educativo da Xunta de Galicia.

No transcurso da visita, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e pola directora do instituto, María del Pilar Barandela Sandianes; Vázquez Abad destacou a importancia desta mellora. “De feito tratábase dunha demanda da comunidade educativa deste centro, á que damos resposta a través deste investimento”, explicou.

Non en balde, tal e como destacou o conselleiro, a mellora na pista polideportiva únese a outras que o departamento educativo da Xunta de Galicia vén executando no centro, tales como as realizadas na cuberta, o cerramento, a carpintería e o saneamento.

Doutra banda, o instituto recibe tamén o apoio da Consellería para o fomento das actividades desenvolvidas na biblioteca do centro para estimular o interese pola lectura entre os máis novos, unhas iniciativas polas que leva xa recibido preto de 30.000 euros.

Abalar e plurilingüismo na Limia

Con esta visita o conselleiro continúa a achegarse aos centros educativos galegos co obxectivo de comprobar de primeira man o estado dos mesmos, e as necesidades que poidan ter.

Durante a súa visita Vázquez Abad aproveitou para volver recordar que a comarca de Limia valorou positivamente a participación dos centros da comarca nos proxectos máis novidosos da Consellería a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.