Educación convoca as axudas para a realización da formación práctica en centros de traballo e en FP Dual

O obxectivo desta acción, dotada cun orzamento de 400.000 euros por parte da Consellería, é compensarlle parcialmente ao alumado os gastos derivados destas actividades
O primeiro prazo de solicitude está aberto ata o 10 de xullo
Mér, 10/06/2020 - 10:08

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo, incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, dotada cun orzamento de 400.000 euros.

O obxectivo desta liña de actuación é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades, una dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.

Na modalidade A, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da súa comunidade autónoma recibirá ata

un máximo de 300 €, sempre que  o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado  establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

Na modalidade B a contía das axudas variará en función do país de destino. Deste xeito, establécese contía base (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), en base á seguinte distribución:

Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía

120 €

72 €

Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa

180 €

120 €

Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Suecia

240 €

150 €

  

Non integrados na Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

 Europeos

180 €

120 €

 Doutros continentes

240 €

150 €

 

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 10 de xullo e está dirixido a quen realizase a FCT nos períodos outubro 2019-marzo 2020 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2020, así como ao alumnado de FP Dual.

O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2020, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2019 e que a remate antes do 31 de decembro de 2020.