O conselleiro de Educación comproba o desenvolvemento das melloras no CEIP de Silleda

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o centro, no que se levan investido máis de 118.000 euros en diversas obras no que vai de lexislatura

Mér, 24/08/2011 - 13:51

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP de Silleda, acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, e pola directora do centro, María Mar Gómez Tapia.

Durante o seu percorrido polo colexio Vázquez Abad comprobou o estado das obras de mellora que a Consellería está a desenvolver para a reposición das ventás do mesmo, uns traballos que supoñen un investimento de preto de 40.000 euros. Desta forma búscase que as instalacións do centro estean preparadas par afrontar o novo curso nas mellores condicións, tanto no que atinxe aos seus 331 estudantes, como ao resto da comunidade educativa.

Tal e como explicou o conselleiro, melloras coma estas reafirman o compromiso da Xunta de Galicia con este centro educativo. Non en balde a Consellería leva investidos máis de 118.000 euros en diversas melloras neste colexio no que vai de lexislatura. Ademais o centro participa no plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, polo que leva recibido 6.550 euros.

Con estas visita o conselleiro de Educación continúa coa rolda de encontros coas comunidades educativas dos centros de ensino galegos, coñecendo de preto ás súas necesidades. Da mesma forma, reafírmase o ao profesorado galego,  cuxa profesionalidade e dedicación son os ingredientes fundamentais para construír un sistema educativo de calidade en Galicia.

Abalar e plurilingüismo

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou a participación dos centros da comarca do Deza no proxecto Abalar. Así explicou que os dous centros da comarca que contaron o pasado curso con aulas ABALAR incrementaranas no 2011/2012, ao pasar a implantarse o proxecto no seguinte curso implicado – 6º de primaria ou 2º da ESO, segundo os casos-.  

Respecto do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, a comarca conta xa cun centro integrado na Rede de Plurilingües, que continuará este ano a traballar pola mellora das competencias en linguas estranxeiras do seu alumnado.