A Consellería apoia ao alumnado galego coas taxas máis baixas do Estado e con axudas por causas sobrevenidas

Educación continúa facilitando o acceso aos estudos e o vindeiro curso terá as taxas universitarias máis baixas do Estado

Os estudantes afectados por causas sobrevidas aínda poden solicitar as axudas para continuar os seus estudos

Ven, 12/08/2011 - 12:59

Declaracións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará a apoiar medidas sociais para facilitar o acceso aos estudos ás galegas e galegos, no que constitúe unha aposta pola formación da cidadanía. Así, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad decidiu propoñer, por segundo ano consecutivo, aplicar a suba mínima aplicar o vindeiro curso a suba mínima do 3,6% nas taxas universitarias, unha decisión respaldada polo Consello Galego de Universidades (CGU) e grazas á cal Galicia é a Comunidade Autónoma con prezos máis baixos nas devanditas taxas.

Cómpre lembrar que a Consellería conxelou as taxas no primeiro ano de lexislatura e que desde entón vén aplicando as subas mínimas esixidas pola Conferencia General de Política Universitaria (CGPU), co fin de evitar que os estudantes vexan a súa traxectoria académica afectada por aspectos económicos.

Apoio aos estudantes

O departamento educativo da Xunta de Galicia propuxo no CGU aplicar o vindeiro curso a suba mínima do 3,6% nas taxas universitarias, o tramo máis baixo establecido pola Conferencia General de Política Universitaria para prezos académicos e demais dereitos para os estudos conducentes á obtención de títulos oficiais universitarios. Esta cifra fíxase cun intervalo acorde coa suba do IPC no período comprendido entre o 30 de abril de 2010 e o mesmo día e mes deste ano, polo que o mínimo é un 3,6% e o máximo un 7´6%, é dicir o IPC incrementado en catro puntos porcentuais. O CGU informou favorablemente a proposta do mínimo incremento da Consellería de Educación, polo que o vindeiro curso as taxas universitarias de Galicia serán as máis baixas de toda España.

Trátase doutra das medidas sociais que a Consellería está a desenvolver co fin de evitar que os estudantes galegos teñan que deixar a un lado a súa formación como consecuencia do impacto da crise económica.

Cómpre lembrar, nesta mesma liña, que continúa aberta ata o 30 de setembro a convocatoria de  axudas ao alumnado do SUG que teña dificultades económicas ocasionadas por causas sobrevidas ou imprevistas - falecemento dun proxenitor, desemprego do sustentador principal...- coas que Educación quere contribuír a que estas persoas poidan continuar cos seus estudos.

Declaracións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades