O Diario Oficial de Galicia publica o decreto de creación do CEIP Novo Mesoiro (A Coruña)

O centro responde á demanda de escolarización desta zona da cidade, que contará con 450 novas prazas educativas

O equipo estará integrado por 28 docentes do corpo de mestres

Lun, 04/05/2020 - 12:46

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola cal queda creado de xeito oficial o CEIP Novo Mesoiro (A Coruña), un centro de nova construción que comezará a funcionar no curso escolar 2020-21.

A Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional destina uns 4,3 millóns de euros á construción deste CEIP, dos que 4,2 M€ son da obra propiamente dita e 75.000 euros en equipamento. A isto engádense os gastos de funcionamento, que ascenden neste primeiro ano a case 34.000 euros, ademais dos salarios dos 28 docentes do corpo de mestres e o corpo directivo que integran o plantel do profesorado, cuxos salarios absorben unha contía de máis de 1,2 millóns de euros/ano.

Esta nova infraestrutura educativa ocupa unha parcela de algo máis de 8.600 metros cadrados, no barrio de Novo Mesoiro, na parcela dos antigos hortos urbanos, e terá unha superficie útil construída de 3.100 metros cadrados. O colexio disporá  de dúas unidades por cada curso, polo tanto, un total de 18 unidades, 6 aulas de infantil e 12 de primaria, cunha capacidade global de 450 alumnos cando estea plenamente operativo.

Así mesmo, disporá de dúas pistas polideportivas de 40x20 metros, unha delas cuberta; e cumprirá tamén con todos os requisitos de accesibilidade para o correcto uso e funcionamento do colexio. O centro contará tamén cunha aula de música, unha aula de Informática, unha sala de usos múltiples, un comedor e un ximnasio con vestiarios.

Canto ao estado da obra, nestes momentos está rematada a estrutura,  e estanse realizando os traballos de  carpintería exterior e o aplacado de composite de aluminio (guías e illamento), co que se rematarán os cerramentos do edificio principal. A pista cuberta ten rematada a cubrición de panel, e no interior do edificio continúase con instalacións, teitos, solados e acabados.

A día de hoxe, no conxunto de Galicia, a Consellería de Educación ten en construción ou en programación un total de sete centros escolares de nova construción (incluído este Novo Mesoiro da Coruña).Trátase dos novos CEIP Sagrado Corazón (Lugo), CEIP de Vilalonga (Sanxenxo), CEIP de Arteixo, CEIP do Milladoiro (Ames), CEIP Pazos de Rei (Tui), da nova EEI de Coirós. A estes hai que engadir tamén o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense.