Educación flexibiliza as condicións da formación práctica en empresas para o alumnado de FP, que se viu afectada pola declaración do estado de alarma

A Consellería vén de publicar a Resolución coas medidas adoptadas para o desenvolvemento dos módulos FCT, co obxectivo de darlle máis facilidades ao alumnado dos ciclos formativos
A Resolución establece tamén as condicións de formación práctica nas ensinanzas deportivas e artísticas superiores
Xov, 23/04/2020 - 16:42

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no seu portal educativo a Resolución pola cal se establecen unha serie de medidas excepcionais no que atinxe ás ensinanzas de réxime especial (graos formativos, ensinanzas deportivas, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas artísticas superiores), que -ao igual que o resto das ensinanzas-  se viron afectadas polo decreto de Estado de Alarma.

As principais novidades atinxen ao desenvolvemento da Formación en Centros de Traballo (FCT) por parte dos alumnos de Formación Profesional, que a Consellería flexibiliza para realizar o seu desenvolvemento, ante a actual situación de excepcionalidade.

Deste xeito, no caso do período ordinario, os centros educativos poderán reducir a duración do módulo FCT ata os mínimos legalmente establecidos. Isto é, 220 horas no caso de ciclos de grao medio e de grao superior, e 130 horas nos ciclos de FP Básica, mentres que a redución poderá ser de 65 horas para aqueles programas formativos propios da comunidade autónoma de Galicia.

Os centros tamén poderán optar por favorecer a realización ou o remate do módulo FCT mediante a fórmula de teletraballo, sempre que a empresa ou institución en cuestión ofreza esa posibilidade e a persoa titora asegure se poida facer un seguimento telemático da aprendizaxe por parte do alumno e que este poida acadar os resultados de aprendizaxe previstos.

Para os ciclos de grao superior, outra das posibilidades que se lles dá aos centros é a de integrar os módulos de FCT e de proxecto nun único módulo de 245 horas de duración; mentres que no caso dos ciclos de grao medio e grao básico, poderase substituír a FCT por unha proposta de actividades asociada á contorna laboral.

No caso de realizar as FCT fóra do período ordinario, a Resolución da Consellería establece que os centros educativos poden optar por realizar estes módulos no actual curso (antes do 31 de agosto deste ano), sempre de xeito voluntario por parte do alumnado, en situacións de traballo reais nas que a empresa debe establecer as medidas necesarias para levar a cabo o seguimento da aprendizaxe; ou a partir do 1 de setembro, seguindo as instrucións establecidas na Resolución.

Canto ao alumnado de FP Dual, con carácter xeral realizará as actividades formativas nos centro de traballo segundo o establecido nos convenios e/ou acordos de colaboración coas empresas. Se, debido á crise sanitaria do COVID-19, isto non fose posible, os centros educativos reprogramarán a formación de cada alumno, planificando actividades de reforzo dos aspectos que non fosen abordados na empresa.

A Resolución tamén establece as condicións de formación práctica coas súas especificidades para o alumnado das ensinanzas deportivas, das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e das ensinanzas artísticas superiores