A Consellería de Educación integra a 77 novos centros educativos no proxecto Abalar o vindeiro curso académico

O número de aulas informatizadas segue a aumentar coa incorporación dos novos centros que se suman aos preto de 300 do pasado curso.

O obxectivo e chegar a máis de 31.500 alumnos no vindeiro curso

Mar, 09/08/2011 - 15:53

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incorporará 77 novos centros educativos no marco do proxecto Abalar o vindeiro curso académico, 37 máis dos inicialmente previstos para o 2011/2012. Deste xeito resólvese a convocatoria presentada no presente ano, á que concorreron 180 centros que aspiraban a integrarse dentro da rede Abalar.

O número de aulas informatizadas continúa a incrementarse ata acadar o obxectivo de chegar a máis de 31.500 alumnos e alumnas no vindeiro curso. Segundo a listaxe definitiva, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), dos 77 novos centros que pasarán a formar parte do proxecto, 35 pertencen á provincia da Coruña e 23 á de Pontevedra, mentres que na de Lugo entrarán a formar parte da rede Abalar 11 novos centros, e en Ourense serán 8 os que se incorporen.

Mellora continua

O departamento, dirixido por Xesús Vázquez Abad, segue adiante coa mellora do proxecto, traballando na electrónica de rede dos preto de 300 centos incorporados o curso pasado, posto que estes incrementarán a súa oferta estendendo o proxecto aos cursos de 6º de primaria e 2º da ESO.

Con esta iniciativa, a Consellería busca implicar ao alumnado, profesorado e ao conxunto da poboación galega na nova realidade tecnolóxica, fomentando a alfabetización dixital e incorporación das novas tecnoloxías á vida diaria. Ademais para concretar este obxectivo, Educación segue a traballar no desenvolvemento do portal Espazo Abalar,  que favorece a interactividade entre os membros da comunidade educativa – docentes, familias e alumnado- e facilita o seguimento académico do alumnado por parte das familias.

Cómpre recordar que ademais de ter centros dotados conforme ás necesidades do alumnado, a clave do sistema educativo galego é a profesionalidade do profesorado, sen o cal sería imposible lograr a excelencia educativa. Neste sentido a Consellería impulsa tamén a formación do profesorado implicado na integración das novas tecnoloxías no sistema educativo, facendo fincapé nos coordinadores Abalar que desenvolven o proxecto en cada un dos centros participantes.

Con estas actuacións a Consellería continúa a dar pasos na transformación do sistema educativo tradicional cara un novo modelo plenamente informatizado, propiciando o salto cualitativo e tecnolóxico das aulas galegas.