A Consellería de Educación impulsa a formación de persoal investigador nas universidades galegas

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de convocar axudas para a contratacións de 100 titulados na súa etapa predoutoral

A convocatoria, que continúa aberta ata o 17 deste mes, beneficiará a investigadores en formación, e cada un deles percibirá 1.750 euros mensuais

As axudas financiarán contratos cunha duración máxima de 3 anos, para impulsar a fomentar dos investigadores

Ven, 05/08/2011 - 11:05

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mantén aberta ata o 17 de agosto a convocatoria das axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, inserido no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (Plan I2C) para o ano 2011.

Neste marco, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad destina 6,3 millóns de euros ao impulso da investigación nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Non en balde, cómpre sinalar que a contratación deste persoal nas súas etapas iniciais ten relevancia para lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

Estas axudas, constitúen ademais a base para que, mediante a execución dun proxecto de investigación, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador. De feito o obxecto do Programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG que contrate titulados superiores para a súa formación como doutores nos seus centros

Axudas para tres anos

Ao abeiro desta convocatoria as universidades galegas poderán ser beneficiarias  destas axudas para a contratación de 100 titulados superiores, po un tempo máximo de tres anos, comprendido entre o 1 de outubro de 2011 e o 31 de outubro de 2014. Estas axudas non poderán ser obxecto de prórroga, co fin de fomentar a consolidación do persoal investigador.

A axuda concedida pola Consellería para cada contrato será de 21.000 euros anuais, o que significa que por cada un se destinaran 1.750 euros mensuais. Co  obxectivo de manter un equilibrio, a porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento – artes e humanidades,; ciencia; ciencias sociais e xurídicas; enxeñaría e arquitectura; e ciencias da saúde- non será inferior ao 15% dos contratos financiados.

Requirimentos

A convocatoria está destinada aos titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG, estean matriculados nun programa de doutoramento oficial impartido nalgunha destas tres institucións académicas e teñan aprobado pola Comisión Académica de Doutoramento o proxecto de traballo de investigación – ou teñan superado o procedemento equivalente-.

Esta convocatoria é a primeira acción dos programas de apoio á formación de persoal investigador nas universidades dentro do novo esquema de carreira investigadora deseñada no plan I2C, para o quinquenio 2011-2015.

Desta forma a Consellería de Educación reafirma o seu compromiso coa formación de persoal investigador que contribúa ao desenvolvemento do sistema universitario galego como motor da innovación e futuro da Comunidade Autónoma.

Declaracións de José Alberto Díez de Castro, Secretario Xeral de Universidades