A Consellería e a Universidade da Coruña asinan o primeiro contrato programa para o fomento da excelencia

O cumprimento dos obxectivos acordados será avaliado anualmente para verificar a correcta asignación de recursos

Mér, 03/08/2011 - 13:58
A Consellería e a Universidade da Coruña
A Consellería e a Universidade da Coruña asinan o primeiro contrato programa para o fomento da excelencia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou xunto co reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, o primeiro contrato programa para a distribución da subvención por resultados, tal como establece o Plan de Financiamento do SUG 2011/2015.

Cómpre lembrar que unha das grandes novidades do devandito plan é a prioridade dos ingresos segundo os resultados obtidos por cada unha das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deste xeito foméntase a mellora da calidade nas universidades galegas e a súa actividade docente investigadora, co fin de acadar as máximas cotas de excelencia.

Obxectivos e resultados

O contrato programa ten por obxecto fixar 20 obxectivos de mellora en 8 áreas de acción, relativas á adaptación das necesidades sociais; a docencia; a investigación; transferencia de tecnoloxía; a proxección internacional; responsabilidade social; xestión; e o campus de Ferrol.

A finalidade é que os recursos vinculados á subvención por resultados que se asignen ás universidades do SUG se determinen en función da situación de partida e do logro dos obxectivos de mellora acordados de xeito individualizado con cada universidade.

Os obxectivos de mellora serán avaliados anualmente, ao longo do período vixencia deste contrato programa – anos 2011 e 2012 – e os seus resultados servirán, a partir do ano 2013, para asignar os recursos que correspondan a cada universidade vinculados á subvención por resultados.

Coa sinatura deste contratos programa a Consellería dá un novo paso no desenvolvemento das previsións  fixadas no plan de financiamento das universidades galegas.