A plataforma de formación a distancia do IES San Clemente (Santiago de Compostela) xa está a disposición dos centros que imparten ensinanzas para persoas adultas

A medida beneficiará a 80 centros e a arredor de 10.000 estudantes
Dom, 05/04/2020 - 11:10

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración co IES San Clemente de Santiago de Compostela, vén de poñer a disposición dos centros educativos galegos que imparten ensinanzas para persoas adultas os contidos educativos aloxados na plataforma de formación a distancia deste centro compostelán. Esta medida beneficiará a 80 centros e a arredor de 10.000 estudantes do sistema educativo galego. Deste xeito búscase facilitar a aprendizaxe desde a casa a todas as persoas inscritas nestas ensinanzas durante este período.

A Aula Virtual do IES San Clemente conta cos materiais necesarios para o desenvolvemento curricular nos dous niveis educativos, ensinanzas de ESA e bacharelato para persoas adultas. Tanto profesorado como alumnado poden acceder aos recursos didácticos das distintas materias, que inclúen documentos de texto, vídeos educativos, cuestionarios, exercicios para enviar ao profesorado e exercicios autoavaliables. Así mesmo, a plataforma dispón de recursos de relación entre profesorado e alumnado, como o sistema de videoconferencias con escritorio compartido.

Para facilitar o seu manexo, inclúense videotitoriais que explican de forma sinxela o seu funcionamento e os seus contidos. Os centros educativos que desexen empregar este recurso poden solicitalo a través dun correo electrónico dirixido ao IES San Clemente: ies.sanclemente@edu.xunta.gal