A Consellería de Educación convoca 90 prazas en estadías en empresas para o profesorado de FP, Artes Plásticas e Deseño

O obxectivo é que os docentes manteñan actualizadas as súas competencias ao tempo que adquiren un coñecemento directo dos procesos produtivos
Ven, 06/03/2020 - 10:25

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar 90 prazas para que o profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás ensinanzas de FP e das Artes Plásticas e o Deseño realicen estadías formativas en empresas ou institucións neste ano 2020. O obxectivo é que os docentes manteñan actualizadas as súas competencias ao tempo que adquiren un coñecemento directo dos procesos produtivos. Toda a información pode consultarse no portal educativo.

A convocatoria contempla dúas modalidades. a primeira delas, a A (20 prazas) correspóndese con estadías formativas nas empresas acollidas a este programa, que se relacionan na propia convocatoria.

A modalidade B, (70 prazas) será para estadías formativas noutras empresas ou institucións con base en tres liñas: B-1 (25 prazas), para Galicia; B-2 (15 prazas), no resto do Estado ou en países da Unión Europea; e B-3 (30 prazas), para as que se realicen en países da Unión Europea e que combinen un período formativo en empresa con formación lingüística nun dos idiomas oficiais do país onde se desenvolvan, favorecendo a mellora da competencia lingüística e comunicativa na linguaxe técnica. Neste último caso, durante a estadía, o profesorado compatibilizará o horario de formación na empresa coa formación lingüística, que terá unha duración mínima de 20 horas e non poderá superar o 50 % da duración total da estadía.

Con carácter xeral, a duración total de cada estadía será como mínimo de 40 horas e como máximo de 160; e poderán realizarse desde o 27 de abril ata o 11 de setembro de 2020 – agás durante o mes de agosto no caso das modalidades A e B-1–.

Solicitudes

O procedemento de solicitude desenvolverase en dúas fases. Na primeira a persoa solicitante iniciará o procedemento de solicitude accedendo, ata o 13 de marzo, á pestana “Convocatorias”da aplicación informática FProfe, indicando a modalidade e a liña de estadía solicitada, e cubrindo os datos requiridos.

Na segunda fase o asesor ou a asesora de formación profesional do centro de formación e recursos (CFR) ou do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) correspondente porase en contacto coa persoa solicitante, co fin de ofrecer orientación e asesoramento na elaboración do proxecto para a realización da estadía así como na formalización da documentación requirida. Para finalizar o procedemento de solicitude, a persoa solicitante disporá ata o 27 de marzo para realizar o proxecto en FProfe  e para presentar unha solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia coa documentación correspondente.

Orzamento

O profesorado seleccionado nas modalidades A e B-1 terá dereito, sempre que a estadía teña lugar fóra do termo municipal da súa residencia habitual ou do seu centro de destino, a unha bolsa de estudos. A contía da bolsa que percibirá por día laboral de asistencia á empresa oscilará en función da distancia á empresa ou institución na que realice a estadía, sen superar a cantidade de 1.300 euros.

No caso das modalidades B-2 e B-3 a bolsa incluirá os gastos de manutención, aloxamento e desprazamento de ida e volta ao lugar de realización da estadía formativa, sen superar os 2.200 euros para a modalidade B-2 e os 3.000 euros para a B-3. Nesta última modalidade poderanse incluír os gastos de matrícula ou inscrición nas actividades lingüísticas.