Educación convoca as axudas á contratación de investigador distinguido, que permitirá incorporar ata 15 científicos de recoñecido prestixio ao Sistema universitario de Galicia

As axudas por contrato -sufragadas integramente polo departamento de Educación- poden acadar os 91.000 euros/ano ou os 71.000 euros/ano por investigador segundo as modalidades de atracción ou de retención; e supoñen un desembolso de 5 millóns de euros por parte da Consellería
Deste xeito dáselle un novo impulso á carreira investigadora, que arranca co apoio ás etapas formativas iniciais (contratos predoutorais), continúa coa formación posdoutoral e se completa agora cos contratos para investigadores distinguidos cunha traxectoria recoñecida e afianzada
Sáb, 22/02/2020 - 09:35

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar o Programa de atracción e retención do talento científico en Galicia mediante a figura de Investigador Distinguido (ID), o que supón o financiamento íntegro da contratación de ata 15 investigadores de recoñecido prestixio por parte do Sistema Universitario Galego (SUG).

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde para pola que se regulan as axudas para a contratación desta categoría coa que a Consellería de Educación busca atraer e reter persoal investigador cunha ampla e recoñecida traxectoria co obxectivo de desenvolver as capacidades de investigación dos centros e das unidades de I+D do SUG.

Este novo programa de axudas -dotado con 5 millóns de euros de orzamento- enmárcase dentro do conxunto de accións de apoio á carreira investigadora desde as etapas formativas iniciais (apoio predoutoral), ata completar a formación posdoutoral ao longo de cinco anos. Agora dáse un chanzo máis cunha nova medida na procura da atracción, incorporación e retención de talento investigador para garantir a excelencia da investigación científica en Galicia.

A contratación desta figura de Investigador Distinguido pode facerse a través de dúas modalidades: a modalidade de atracción e a modalidade de retención.

Modalidade de atracción de talento

No primeiro dos casos, de atracción, búscase atraer investigadores de recoñecido prestixio e incorporalos ao sistema universitario galego. Para iso a Consellería de Educación financiará a contratación de ata un máximo de 10 investigadoras ou investigadores por un período de 4 anos e cun importe por contrato de 91.000 euros/ano.

Para optar a estas axudas, as persoas contratadas polos distintos axentes de investigación deben estar en posesión dun título do grao de doutor, acreditar un mínimo de 4 anos de experiencia posdoutoral (dos cales polo menos 2 deben ser de estadía no estranxeiro) e non ter sido contratados por unha universidade do SUG nos 24 meses anteriores á data límite de presentación de solicitudes.

Modalidade de retención de talento

Na modalidade de retención, o obxectivo é contratar e promocionar o persoal investigador que xa está vinculado ao Sistema Universitario Galego, ben nos campus de especialización ou ben en áreas de coñecemento estratéxicas. Para tal fin a Consellería financiará a contratación de ata 5 persoas, cunha axuda de 71.000 euros/ano por contrato durante un período máximo de 4 anos. Neste caso, os requisitos esixidos son 4 anos de experiencia posdoutoral e contar coa acreditación para a categoría de profesor contratado doutor da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) ou da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), entre outros.

Pagamento de contratos e gastos asociados

Ademais do pagamento dos contratos, dos custes sociais e complementos a cada entidade beneficiaria por Investigador Distinguido que contrate, a Consellería tamén correrá a cargo dos gastos asociados ao desenvolvemento das liñas de investigación que abranguen o custe da contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación (sempre que non estean vinculados funcionarial ou estatutariamente coa universidade contratante), o pequeno equipamento inventariable e material funxible, o material bibliográfico, a formación do persoal do equipo, as ferramentas de xestión do coñecemento e información (aplicacións informáticas, bases de datos,...) e a organización de actividades de intercambio e difusión científica entre outros

O persoal seleccionado deberá integrarse nalgunha das estruturas de investigación do SUG con axuda vixente, como pode ser un centro de investigación acreditado pola Consellería, unha unidade de excelencia María de Maeztu ou un centro de excelencia Severo Ochoa radicado en Galicia e con acreditación vixente, ou nunha agrupación estratéxica modalidade A no ano 2018.