Educación convoca o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, coincidindo co Día Mundial deste medio

Carmen Pomar visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé para coñecer o seu laboratorio de radio

Mér, 12/02/2020 - 11:30
Educación convoca o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, coincidindo co Día Mundial deste medio

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe San Bartolomé (Vilanova de Arousa), un dos centros que se incorporou este curso a Radio na biblio, o programa para impulsar a creación de laboratorios radiofónicos nas bibliotecas escolares.

Na súa visita, Carmen Pomar comprobou o avanzado que está o proxecto Radio Chans, nado a raíz da participación do centro neste programa e animou ao alumnado a presentarse ao II Concurso de podcast-Radio na Biblio, cuxa convocatoria, na que colabora a Radio Galega, se publica mañá, coincidindo co Día Mundial da Radio.

A través da pequena emisora creada no centro, o alumnado coñece os diferentes medios de comunicación e a súa evolución ao longo da historia. Así mesmo a radio serve como canle de comunicación arredor dos acontecementos do CEIP e das actividades que nel se desenvolven.

O obxectivo de Radio na Biblio é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, ao tempo que se amplían as linguaxes presentes na biblioteca e se promove a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo. Este programa avanza, ademais, nun dos desafíos do Plan Lía2016/20, en concreto no de estimular o papel das bibliotecas escolares como centros creativos de aprendizaxes.

Carmen Pomar destacou que a participación do CEIP San Bartolomé neste programa é un exemplo das múltiples iniciativas que desenvolve unha comunidade educativa moi activa. Neste sentido explicou que o colexio forma parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), é centro plurilingüe e desenvolve este curso varias liñas de actuación dos contratos-programa, en concreto REFÓRZA-T, Mellora das competencias clave, IGUÁLA-T, CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Concurso de Podcast

En colaboración coa CRTVG, a través da Dirección da Radio Galega, a Consellería de Educación convoca mañá o II Concurso de podcast-Radio na Biblio, destinado aos centros públicos co programa Radio na Biblio e a outros centros que traballan xa con este medio como ferramenta pedagóxica. Na primeira edición do certame participaron 64 centros educativos que enviaron un total de 107 traballos.

Este ano, co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas de 2020 ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, os podcasts radiofónicos participantes xirarán arredor do traballo do ferrolán. Deste xeito, a temática pode versar sobre a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como ir dirixida a estimular a lectura de poesía e teatro galegos e en galego.

O concurso consta de catro modalidades (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e Bacharelato, ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), segundo o nivel do ensino, e seleccionaranse dous podcasts por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de 3 traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros formatos.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos pola Radio Galega; á súa vez, serán difundidos a través  da páxina web da Radio Galega e da canle dixital do Diario Cultural.

O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 25 de abril de 2020. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.

Declaracións da conselleira