Carmen Pomar sinala a formación do profesorado como un dos eixes do ensino público galego

Ven, 24/01/2020 - 18:45

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na apertura do III Curso de Formación do Profesorado de Química do Ensino non universitario, unha actividade organizada polo CiQUS e pola Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención a conselleira salientou que a formación permanente do profesorado é un dos eixes do ensino público galego e unha das súas principais fortalezas. De feito, máis do 75% dos centros  (un total de 876) contan cun plan de Formación Permanente do Profesorado propio (PFPP). 

Pomar agradeceu aos docentes presentes o seu esforzo e “o grao de responsabilidade co que afrontades o compromiso de formación que este traballo vos demanda”. Neste sentido sinalou que “o compromiso dos docentes co seu labor é un activo indispensable para acadar a excelencia, a innovación e a inclusión educativa”. “Galicia conta con profesionais excelentes no desempeño dunha profesión que é unha das máis importantes para a sociedade”, engadiu.

O obxectivo do curso, que se desenvolve hoxe e mañá na Facultade de Química e ao que asisten 60 profesores de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, é favorecer a posta en común de avances e experiencias entre os docentes desta materia de todos os niveis educativos. Ademais da conselleira, na inauguración participaron o director do CiQUS, José Luís Mascareñas; o vicedecano da Facultade de Química da USC, Pedro Rodríguez Dafonte; e o coordinador do curso, Diego Peña.