A entidade para a Lingua Frisoa coñece o modelo plurilingüe de Galicia no CEIP Raíña Fabiola

Carmen Pomar visitou esta mañá o centro

A conselleira aproveitou a visita para comprobar o resultado da obra de rehabilitación integral executada

Ven, 24/01/2020 - 13:50
A entidade para a Lingua Frisoa coñece o modelo plurilingüe de Galicia no CEIP Raíña Fabiola

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), onde se reuniu cun grupo de representantes da Entidade para a Lingua Frisoa (DINGtiid), organización non gubernamental que ten atribuídas as funcións de asesoría ao goberno da rexión de Frisia (Países Baixos) en materia de política lingüística.  Na reunión participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

 

O obxectivo da súa visita a Galicia é coñecer e estudar o modelo plurilingüe galego para elaborar un informe con propostas para o seu Goberno, que estuda facer cambios lexislativos e organizativos neste campo. De feito, os representantes da entidade tiveron a oportunidade de visitar unha aula deste centro para comprobar in situ a convivencia harmónica de linguas.

Nestes dous días, esta delegación coñecerá diferentes institucións relacionadas co galego, tales como a Real Academia Galega da Lingua, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, o Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega, así como a Xunta de Galicia, tanto a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística como da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

No relacionado coa Consellería decidiuse amosar o funcionamento do sistema directamente a través da visita do grupo de representantes de DINGtiid a un centro educativo, onde tamén puideron reunirse coa persoa responsable do equipo de normalización lingüística do CEIP.

Obra de rehabilitación integral

Durante a súa visita ao CEIP Raíña Fabiola, a conselleira aproveitou para comprobar o resultado da obra de rehabilitación integral, executada por importe de 625.467,48 euros, grazas á que as máis de 250 alumnas e alumnos gozan este curso dun centro totalmente renovado.

A titular do departamento educativo do Goberno autonómico destacou que a actuación redunda nun aforro enerxético do 22,3% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 28,1% en emisións de CO2.

Isto é posible polo mellor illamento do centro, a través da colocación de sistema envolvente SATE na fachada do volume principal, aula de música e comedor. Así mesmo mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de madeira, acabado ao esmalte, e con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo; e instaláronse novas luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns.

Por outra banda, renovouse o acabado da cuberta plana do volume principal, colocando unha nova de lousa filtrón. No resto de cubertas do edificio principal realizáronse traballos de mantemento e reparación da cuberta vexetal existente. Ademais retirouse a árbore do patio que estaba danando a fachada.

Ademais do relativo á mellora da eficiencia enerxética, a actuación incluíu a mellora do sistema de ventilación, o pulido do pavimento de terrazo e a colocación de falso teito acústico de cartón xeso no interior da edificación e paneis de virutas de madeira no patio exterior e zonas porticadas. Nestas zonas exteriores tamén se desenvolveron traballos de pintado e mellora do sistema de drenaxe.

Realizáronse, asemade, melloras na accesibilidade da varanda da escaleira interior, coa colocación dun pasamáns.