A Consellería de Educación convoca os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na FP

Destínase un orzamento de 800.000 euros para estes galardóns
O prazo de presentación de iniciativas está aberto ata o 31 de xaneiro de 2020
Mar, 07/01/2020 - 11:41

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional. O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica de 800.000 euros, é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

O departamento educativo da Xunta aposta nas súas políticas de FP a transformar os ciclos en ensinanzas que se adapten ao contorno produtivo e ao novo modelo económico baseado no coñecemento como forza impulsora. Deste xeito estase a camiñar cara a un sistema de formación profesional máis áxil, flexible e eficiente, estreitamente vinculado ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.

A convocatoria segue as directrices marcadas pola Estratexia Europa 2020, que incorpora como obxectivo o impulso dunha formación profesional que propicie novas experiencias nos campos da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.

Modalidades

Os proxectos poden presentarse a dúas modalidades. A primeira delas, de Innovación tecnolóxica ou científica, está dirixida ás iniciativas que teñan como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica que redunde na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos e que estean orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deben ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

A segunda modalidade, de Innovación Didáctica, céntrase nas iniciativas que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.

Criterios de valoración

Entre os criterios para escoller os proxectos premiados valoraranse, en especial, aqueles nos que se fomente a colaboración do profesorado e do alumnado de formación profesional con empresas e institucións do seu contorno, e con outros centros educativos; así como os que fomenten a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.

Tamén se terá en conta que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado, o nivel de impacto do proxecto no contorno produtivo desde o punto de vista tecnolóxico e ambiental ou o grao de transferencia e resposta a un reto empresarial.

Así mesmo darase prioridade ás iniciativas que favorezan o acceso da muller aos perfís relacionados con profesións STEAM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, que deberá facer un centro educativo de formación profesional dependente da Consellería, está aberto ata o 31 de xaneiro de 2020. O proxecto ten que ser colaborativo e contar cun mínimo de dous participantes. Deberán figurar como socios outros centros educativos de formación profesional, entidades ou empresas, a nivel autonómico.

O centro solicitante actuará como coordinador da iniciativa e un dos seus docentes asumirá as funcións de coordinación do proxecto, co fin de asegurar o contacto e a comunicación regulares entre os participantes, promover unha colaboración eficaz e facilitar a distribución e a realización do traballo en equipo.

As solicitudes poderanse presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.