A Consellería de Educación leva incrementado en máis do 150% o número de seccións bilingües no que vai de lexislatura

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de autorizar de forma provisional 304 novas seccións en colexios e institutos galegos

Sáb, 23/07/2011 - 09:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva incrementado xa en máis dun 150% o número de seccións bilingües nos centros educativos de Galicia no que vai de lexislatura, grazas ao impulso que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a dar ao plurilingüismo no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

De feito, a Consellería vén de autorizar,de forma provisional,o funcionamento de 304 novas seccións bilingües, que se sumarán ás 1.519 que estaban a funcionar no curso 2010/2011. Deste xeito, o vindeiro curso haberá un 150% máis de seccións bilingües funcionando nos colexios e institutos galegos que as que había a comezo de lexislatura -720-. Do total das novas seccións bilingües, 296 serán de inglés, 5 de francés e 1 de italiano.

Cómpre lembrar que a resolución ten carácter provisional, polo que os centros solicitantes que non foron autorizados aínda poden selo se presentan a documentación requirida. Neste sentido as previsións de Educación eran de chegar este ano aos 100 centros plurilingües e ás 1.600 seccións bilingües, cifras xa amplamente superadas. Desta forma, o número de solicitudes recibidas en ambas as dúas accións  e as autorizacións veñen a confirmar a gran acollida da comunidade educativa á estratexia de fomento do plurilingüismo que está a desenvolver o Goberno galego.

Unha aposta pola calidade

O compromiso do Goberno galego co fomento do plurilingüismo no sistema educativo reafirmouse ademais nos últimos meses coa nova regulación dos centros plurilingües e seccións bilingües que funcionan nos centros de ensino da Comunidade Autónoma. Deste xeito, ademais do procedemento para a autorización, nas devanditas ordes queda establecidos os obxectivos de centros plurilingües e seccións, así como os requisitos de cualificación do seu profesorado.

Neste sentido, e nunha aposta pola calidade do ensino das linguas estranxeiras, as ordes establecen por primeira vez que o profesorado implicado nestas iniciativas, deberá acreditar que dispón do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Estes docentes deberán ademais colaborar na elaboración da programación de contidos, actividades e materiais currículos específicos de apoio en lingua estranxeira.

As profesoras e profesores implicados nestas iniciativas deberán participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas e impulsadas pola Consellería de Educación dentro do seu Plan de Formación. Ademais no espazo web de linguas estranxeiras ofertaranse recursos específicos e información relativa ao ensino CLIL/AICLE. A docencia e coordinación de centros plurilingües e seccións bilingües será recoñecida pola Administración educativa cunha certificación.

Máis información