Galicia sitúase á cabeza de España en competencia científica e mellora os resultados en matemáticas, segundo o informe PISA 2018

O alumnado galego acada 510 puntos en competencia científica, o que coloca a Galicia cos mellores resultados de todas as CCAA

En competencia matemática medra 4 puntos con respecto ao informe de 2015, escala tres posicións no ránking de CCAA, e sitúase ao nivel de países como Alemaña, Suecia e Finlandia

Ademais, Galicia está por riba da media de España, da UE e da OCDE nas dúas competencias avaliadas

Estes resultados afianzan a tendencia de mellora continua nos últimos anos, tanto en termos absolutos como en termos comparativos a nivel global e do conxunto das comunidades autónomas

A Consellería de Educación seguirá reforzando iniciativas que considera prioritarias para a mellora dos resultados académicos, como as de fomento das competencias STEM ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020

Mar, 03/12/2019 - 09:49
Galicia sitúase á cabeza de España en competencia científica e mellora os resultados en matemáticas, segundo o informe PISA 2018

O informe PISA 2018 -que se fixo público hoxe- consolida e reforza a tendencia de mellora continua do alumnado galego tanto en competencia científica como en competencia matemática, situando a Galicia por riba da media de España, da UE e dos países da OCDE. Ademais, este informe -que analiza o grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos-, reflicte tamén que Galicia mellora a súa posición no ránking de comunidades autónomas con respecto ao informe anterior de 2015.

Así, en competencia matemática Galicia obtén 498 puntos, 17 máis que a media de España (481) e 9 máis que a media da OCDE (489), e sube 4 puntos en comparación co ano 2015 (cando obtivo un máximo histórico de 494 puntos). Ademais de en termos absolutos, Galicia tamén mellora en termos comparativos, xa que escala 3 postos no ránking de comunidades autónomas ao pasar do octavo lugar en 2015 ao quinto lugar en 2018 e practicamente empatada con comunidades como Cantabria ou País Vasco (ambas con 499 puntos) e a moi pouca distancia de Castela-León (502 puntos) e Navarra (503 puntos).

En canto a países, estamos ao nivel de países como Alemaña, Suecia ou Finlandia nesta competencia.

En competencia científica, Galicia obtivo 510 puntos neste informe de 2018, o que a sitúa na primeira posición do ránking de Comunidades Autónomas, a 9 puntos da segunda que é Castela-León (501), e a 14 puntos de Asturias (que obtivo 496). A distancia é aínda maior se se compara coa media de España (483) e dos países da OCDE (489). Polo tanto, aínda que en termos absolutos rexistre unha mínima baixada de 2 puntos con respecto aos 512 obtidos en 2015, en termos comparativos o alumnado galego despunta nesta competencia.

E por países estamos no mesmo nivel que EEUU, Corea, Alemaña, Países Baixos, ou Reino Unido

Estes resultados reflicten que Galicia segue unha liña de crecemento continuo no que atinxe ao seu sistema educativo nas dúas competencias avaliadas (cómpre lembrar que neste informe a OCDE decidiu non ofrecer datos da competencia lectora); xa que se afianza a senda de mellora dos últimos anos e, sobre todo, mellora a súa posición tanto a nivel global como en comparación co resto das Comunidades Autónomas do Estado.

Índice de Illamento

Neste informe PISA 2018 non se ofrecen datos e equidade (porque vai ligado á competencia principal, neste caso a lectora, da que non hai resultados), polo que o informe introduce un novo indicador para caracterizar o grao de segregación dos sistemas educativos do alumnado desvantaxado/avantaxado respecto do resto. Segundo PISA, este índice de illamento relaciónase coa probabilidade de que alumnado dunhas determinadas características estea matriculado en centros nos que se matricula outro de características distintas, cunha medida que oscila entre 0 e 1, na que o valor próximo a 0 indica unha moi baixa segregación.

No caso de Galicia, o índice de illamento do alumnado desvantaxado é do 0,10, polo que se confirma esa baixa segregación (a media de España é de 0,16 e da OCDE do 0,17), e ao nivel dos países participantes con menor grao de segregación como Noruega (0,09), Finlandia (0,10).

Isto vai, por tanto, na liña dos últimos datos de equidade que se coñecen (de 2015), nos que Galicia se situaba como a CCAA co sistema educativo máis equitativo por diante de todos os países da OCDE.

Aposta polo reforzo das competencias STEM

A tendencia á alza nas puntuacións do alumnado en PISA nas competencias matemática e científica reforzan a aposta que está a facer a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos últimos anos de fomento das competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado ao abeiro da Estratexia Galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que supoñen un investimento de 1 millón de euros.

Cómpre lembrar que neste eido se están desenvolvendo iniciativas como a implantación do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach (con 560 alumnos -294 alumnas e 266 alumnos- de 31 centros), os ‘Club de Ciencias’ (que chega a 119 centros), os Espazos Maker (implantado en 20 centros), o campamento científico-tecnolóxico en inglés (STEMweek), a Semana STEM, ou a ampliación de Robótica en Primaria (con kits que chegan xa a 178 centros públicos durante este curso).

A isto únese o reforzo de 2 horas da materia de Matemáticas no currículo de Primaria e 1 hora en ESO desde o ano 2014; e a implantación de materias de libre configuración autonómica como Programación, Educación financeira e Xadrez en Secundaria, ou Robótica e Métodos estatísticos e numéricos en Bacharelato.

Así mesmo, a Consellería segue reforzando os contratos-programa, que buscan mellorar a calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado de baixo rendemento de Primaria, ESO e FP Básica. Precisamente as liñas máis demandas son REFÓRZA-T, que ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou apoio organizado fóra do horario lectivo, sobre todo nas destrezas matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística; e a liña de Mellora das competencias clave, que  se centra en traballar a competencia matemática, as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia en comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no centro.

Papel do profesorado

Estes datos avalan tamén a implicación do profesorado como peza clave na aposta por un sistema educativo de calidade, e cuxo labor conta co apoio e recoñecemento por parte da Consellería de Educación,  que está a desenvolver melloras continuas para este colectivo como son é a maior oferta de emprego da historia para a estabilización laboral, a mellora salarial e programas de formación adaptados ás súas necesidades e demandas.