O Campus de Ourense liderará o máster interuniversitario en enxeñaría aeronáutica que se implantará o vindeiro curso

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de emitir informe favorable para este novo título que coordinará a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo coa participación da Universidade da Coruña

Mér, 27/11/2019 - 18:19

O campus de Ourense (da Universidade de Vigo) liderará a implantación do Máster interuniversitario en Enxeñaría Aeronáutica coa previsión de que se oferte o vindeiro curso 2020-21, cun plan de estudos de 120 créditos e prácticas externas.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de emitir o informe favorable para a implantación dun único título de Máster habilitante de Aeronáutica que liderará e coordinará a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense, coa necesaria participación da Universidade da Coruña.

A Universidade de Vigo -como coordinadora do máster- dispón de 2 meses de prazo para incorporar na memoria do título todas as apreciacións emitidas pola Consellería de conformidade co informe técnico elaborado polos expertos alleos ao Sistema Universitario Galego (SUG).

No devandito informe determínase a implantación dun único titulo no Sistema Universitario de Galicia debido principalmente a que o número de estudantes potenciais deste máster no conxunto das universidades galegas, -tendo en conta os egresados no Grao en Enxeñaría Aeroespacial e noutros graos de enxeñaría e máster universitarios-, fai improbable a viabilidade de dous máster concorrentes en Galicia. Ademais é necesaria a colaboración coa Universidade da Coruña porque o cadro de persoal da UVigo non é suficiente para poñer en marcha un máster coa carga docente, grao de especialización e experiencia requirido para as materias a impartir.

Polo tanto, conclúese que debe existir unha colaboración a grande escala entre universidades, tanto no que atinxe ao profesorado para aquelas materias máis específicas que requiran dun profesorado máis especializado; como no ámbito da investigación, aproveitando a experiencia investigadora das dúas universidades.

Nese informe avaliouse, entre outros,  a calidade dos proxectos presentados, as memorias, os recursos humanos dispoñibles e a súa idoneidade coas materias da titulación, a calidade das infraestruturas, a experiencia investigadora e profesional do profesorado, a valoración dos plans de estudios en relación as titulacións existentes no sistema universitario español e o aproveitamento de sinerxías do sistema.

Logo da incorporación das apreciacións á Memoria, esta deberá obter o informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) antes da autorización de implantación do título por parte da Xunta de Galicia.