Educación presenta a primeira guía informativa sobre a FP Dual para impulsar a implantación destas ensinanzas

Carmen Pomar inaugurou a xornada na que se presentou o documento
A Consellería reuniu hoxe por primeira vez a todos os axentes implicados no desenvolvemento desta modalidade da FP nunha xornada específica
Mar, 26/11/2019 - 11:36

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe a primeira xornada técnica sobre a FP Dual en Galicia, na que o seu departamento reúne a todos os axentes implicados no desenvolvemento destas ensinanzas: empresas, equipos directivos, docentes e persoas dinamizadoras da rede de dinamización de FP Dual. O obxectivo do evento é a posta en común entre centros e empresa da experiencia de cambio na formación que supón a Dual.

No marco desta xornada preséntase a que será a primeira Guía Básica de FP dual, dirixida aos devanditos axentes, que a Consellería acaba de publicar e que se entregou no evento. A finalidade deste documento é proporcionar unha ferramenta capaz de abordar os puntos máis importantes das funcións que son competencia do centro educativo e da empresa, permitindo unha xestión máis áxil e simplificada desta modalidade de Formación Profesional.

A parte inaugural da xornada contou coa presenza directivos de Navantia e Cortizo, que farán unha breve exposición da súa experiencia na FP Dual. A continuación desenvolveuse unha sesión baixo a denominación Os actores do cambio, con representación de todos os roles dentro da FP Dual. O programa da tarde dividirase en dúas partes, unha dirixida a centros, docentes e empresas implicadas por primeira vez ou interesadas en implicarse na FP Dual; outra para profesorado, equipos directivos e empresas que xa desenvolven esta modalidade de formación. Ambas sesións estarán centradas en información técnico-administrativa.

Un sistema en crecemento

Durante a súa intervención a conselleira explicou que o modelo educativo galego é “diferenciado e innovador” e está en continua adaptación para cubrir necesidades e demandas cada vez máis esixentes. “Traballamos para que Galicia conte cunha FP atractiva e adaptada ao tecido socioprodutivo, que fomente a innovación e o emprendemento”.

Neste sentido salientou a aposta que se está a facer “por unha formación de calidade, innovadora e próxima ao territorio, con metodoloxías de vangarda”, a inserción laboral da FP, “de máis do 85%, e que no caso da FP Dual, se achega ao 91%”; así como o feito de que Galicia conte con proxectos pioneiros en España, como os ciclos da familia marítimo-pesqueira, o ciclo de Redes e Estacións de Tratamento de Augas ou a implantación dun dobre título que combina o ciclo de Coidados Auxiliares de Enfermaría e Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

Carmen Pomar destacou o compromiso da Xunta de Galicia con continuar mellorando, “seguir axustando a formación do alumnado á demanda dun cambiante escenario laboral, aproveitando as sinerxías entre centros educativos e empresas”, a través da adaptación ás demandas dos sectores produtivos e á propia evolución da sociedade, abrindo a porta a novos nichos tecnolóxicos e emerxentes.

“Estas ensinanzas –dixo– proporcionan unha oportunidade única para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación, preparados para dar resposta ás necesidades das empresas”. “Neste paso é crucial a confianza empresarial, así como o compromiso dos centros educativos”, destacou, agradecendo o interese e a confianza dos presentes na FP Dual, “cuxa expansión e desenvolvemento van redundar en beneficio de toda a sociedade”.

Ferramenta de axuda

A Guía Básica de FP dual dará a coñecer en profundidade esta modalidade  e pretende ser unha ferramenta de axuda dirixida principalmente aos centros educativos que están ou queren desenvolver proxectos de Dual; ás empresas, organizacións, institucións e asociacións que acollen ou queren recibir alumnado destas ensinanzas, así como ao alumnado interesado ou matriculado nas mesmas.

O documento detalla as etapas necesarias para a formalización dun novo grupo de Dual, nos seus distintos réximes, dende o punto de vista dun centro educativo e da empresa. Especifícanse, ademais, as condicións, requisitos e obrigas dos distintos axentes participantes.

Para iso, estrutúrase en tres bloques. O primeiro deles presenta unha visión xeral da FP Dual, as principais características da modalidade, a lexislación que a regula e as posibilidades de vinculación entre o alumnado e as empresas ou institucións. No segundo bloque explícanse de forma detallada os pasos a seguir polo centro educativo para a posta en marcha, seguimento e xestión dun grupo Dual polo réxime de persoas adultas e polo réxime ordinario. Finalmente a terceira parte ofrece información sobre as distintas etapas que as empresas, organizacións ou institucións deberán realizar para acoller alumnado destas ensinanzas.

Unha modalidade de éxito

A FP Dual púxose en marcha en Galicia no 2012 de xeito experimental e no curso 2019/20 arrincaron 73 novos proxectos, que se unen aos que se continúan desenvolvendo e que comezaron en cursos pasados. Neste momento colaboran con estas ensinanzas, que contan con arredor de 1350 alumnos matriculados, preto de 300 empresas.

Un dos principais factores de éxito desta modalidade é a súa alta inserción laboral, do 90,7%. Un 85,1% do alumnado titulado recibiu algunha oferta de emprego por parte da empresa onde realizou o ciclo de FP Dual. Ademais das persoas tituladas que obtiveron emprego no período transcorrido desde a súa gradación, o 92,5% fíxoo en menos de 6 meses.

Plan de dinamización da FP Dual de Galicia

Diante do crecemento exponencial desta modalidade formativa, a Consellería puxo en marcha no 2019 o Plan de Dinamización da FP Dual en Galicia, que ten entre os seus obxectivos lograr o maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoa cualificado dos distintos sectores económicos e se melloren as posibilidades de emprego do alumnado.

Este plan conta cun orzamento de case 5 millóns de euros e incorpora accións como a creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual), con docentes dedicados a difundir as vantaxes desta modalidade e intentar implicar a máis empresas e centros nela; ou o impulso á implantación de novos proxectos de FP Dual, especialmente con pequenas e medianas empresas e no rural e poboacións pequenas e medianas.

Así mesmo puxéronse en marcha axudas ao desprazamento para o alumnado de FP Dual, no período de estadía na empresa, accións para o fomento da mobilidade de profesorado e do alumnado de FP Dual e estase a desenvolver un Programa específico de formación para docentes e empresas, do que esta xornada forma parte.